sábado 15/08/20

Galiza di adeus a Elvira Varela Bao

Cando o 18 de xullo de 1936, Elvira Varela Bao tiña dez anos. Foron tempos duros para unha cativa que viviu a detención da súa nai, a mestra Elvira Varela Maceiras,  e  a persecución ao seu pai, o capitán da Mariña Bernardino Varela. Onte, aos 94 anos, despediuse deste mundo unha muller que dedicou a súa vida ao traballo memorialístico.
Elvira Varela Bao, retratada xunto ao recuncho favorito do seu fogar, a libraría. (Foto: Nós Diario).
Elvira Varela Bao, retratada xunto ao recuncho favorito do seu fogar, a libraría. (Foto: Nós Diario).

A historia está chea de curiosidades circunstanciais. Que o pasamento de Elvira Varela Bao tivese lugar un 15 de xullo, o mesmo día que 135 anos antes se producira o de Rosalía de Castro, vén engrosar esa listaxe.

Galiza di así adeus a unha galeguista histórica que, aos seus 94 anos, era unha das últimas testemuñas do tempo das Irmandades da Fala, como demostran as escasas fotografías existentes, nas que se pode apreciar a súa infantil estampa. "Miña  nai levábanos sempre con ela a meu irmán e a min. Estabamos en todas as salsas", salientaba nunha conversa hai catro anos coa directora de Nós Diario, María Obelleiro. 

Porque os seus pais eran, nin máis nin menos, que a mestra Elvira Bao e o capitán da Mariña, Bernardino Varela, membros das Irmandades da Fala, o que pode levar a que algunhas persoas consideren a figura de Elvira Varela Bao como unha simple "filla de". Nada máis lonxe da realidade.

Os episodios que agroman na súa biografía persoal, como a participación en infinidade de iniciativas de recuperación da memoria histórica "para que aquilo -en referencia ao golpe de Estado fascista de 1936 e a posterior ditadura- nunca máis se repita" desmenten esa consideración -moito máis habitual nas mulleres que nos homes, extrapolable tamén aos casos de "muller de"-, até o punto de facela merecedora de recoñecementos como o nomeamento en 2013 como Republicana de Honra por parte da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

A loita pola memoria, a xustiza e a reparación

Durante todos estes anos, Elvira Varela Bao loitou por manter viva a historia dos seus pais e da realidade dun fascismo que en 1936 lle "rachou a vida" polo único delito de ter uns pais comprometidos cun galeguismo e uns valores democráticos que a sublevación militar fixo voar nun millón de anacos.

"Tiña só 10 anos cando me separaron de onde nacera, de onde vivía. Tivemos que fuxir da Coruña a San Roque porque os falanxistas viñan a diario á nosa casa. Marchamos para alá a afastarnos. A casa da familia tiña unha horta cun muro de cinco metros e alí estabamos máis tranquilos", explicaba nunha conversa con Carme Vidal para Sermos Galiza no 2013, rememorando un tempo no que calquera visita metía un "medo no corpo" que logo sería incapaz de borrar.

O que os fascistas non foron quen de eliminar foi o legado deixado polos seus pais no nacionalismo galego, pois como a propia Elvira Varela apuntaba, "o que fixo toda esa xente -engadindo a todas as persoas vinculadas ás Irmandades da Fala- non ten prezo, pois non había nada. O que hai agora, todo o que hai, é por eles. Eles puxeron os cimentos e de aí se desenvolveu todo".

Nos últimos anos da súa vida a finada combinou a actividade memorialística, na que nunca cesou, con outras tarefas máis prosaicas, como as súas lecturas ou un dos seus pasatempos favoritos: tecer en punto ducias de figuras de animais e bonecos que adornaban o salón da súa casa e a librería, á que definía como "o altar" e na que conservaba auténticas xoias de autores como Castelao ou Vicetto.

comentarios