Exposición

'A Galiza deseñada' analiza os logos galegos

'A Galiza deseñada: símbolos, marcas e identidades gráficas' é unha exposición que recolle a traxectoria do deseño galego a través de distintas épocas históricas. A mostra foi inaugurada na tarde de onte na sala Normal da Universidade da Coruña (UDC), onde permanecerá até o 13 de xaneiro.
Dúas persoas observan a exposición 'A Galiza deseñada', inaugurada esta sexta feira na Coruña. (Foto: Casteleiro)
photo_camera Dúas persoas observan a exposición 'A Galiza deseñada', inaugurada esta sexta feira na Coruña. (Foto: Casteleiro)

A exposición A Galiza nomeada está comisariada por Marcos Dopico, Cibrán Rico e Suso Vázquez e conta coa colaboración de Pepe Barro, creador do proxecto gráfico de Nós Diario. A mostra “é un relato sobre a cultura do deseño do país que nos parecía que estaba por facer”, explica Suso Vázquez a este xornal.

A idea “xorde ao detectar unha carencia que nós, como profesores de deseño, observabamos no noso alumnado, que coñecía o que estaba a suceder noutras partes do mundo pero non o que pasaba aquí”. Ademais, a exposición tamén pretende recoller o labor dunha xeración de deseñadores, como o propio Pepe Barro, Xosé María Torné, Lía Santana ou Xosé Salgado, que nas décadas dos 70, 80 e 90 realizaron un “traballo de calidade excepcional que estaba por recoñecer”.

Durante o proceso de investigación, os autores decidiron realizar un percorrido que abarcase toda a historia do deseño desde a Idade Media até a Contemporánea. Para isto, a exposición estrutúrase en cinco períodos históricos: Antecedentes, Industrialización, Autarquía, Democracia e Contemporaneidade, que ofrecen “unha coherencia narrativa e permiten organizar a lectura”.

Con todo, “interésanos que as persoas visitantes poidan facer as súas propias lecturas”, indica Vázquez. “Non é casualidade que a exposición comece co símbolo da vieira de Castelao e remate coa vieira que Xosé María Torné deseñou para o logo de Galiza Calidade”. Desta forma, as lecturas cruzadas que suceden ao longo da historia resultan “moi interesantes”.

Vázquez explica que os logotipos son máis que unha linguaxe visual, pois tamén funcionan como “testemuñas do momento no que foron creados”. Durante a investigación, os autores recolleron uns 300 logos que foron peneirando até reducilos até os 100 que conforman a mostra. A exposición non só está constituída por grafismos ou debuxos de logotipos, tamén hai “gráfica aplicada”.

Así, “aínda que sexa unha exposición de deseño, non é para deseñadores”. A mostra contará tamén con pezas pouco coñecidas que permitirán unha “toma de conciencia da calidade do deseño que se fixo no país durante moito tempo”.

Suso Vázquez considera que o deseño actual galego se encontra nun “momento luminoso”. O feito de poder realizar esta exposición, afirma, "demostra a existencia dun tecido e dunha comunidade viva que demanda este tipo de mostras”.

Comentarios