Entrevista a Camilo Nogueira

“Galiza demostra até que punto o Estado está construído de forma imperfecta”

Máis de 700 páxinas ocupa a Camilo Nogueira (Lavadores, Vigo, 1936) a súa reivindicación histórico-política da nación galega. Subtitulado A razón resistente, Unha nación no mundo (Xerais, 2019) condensa a visión dun dos máis destacados dirixentes do nacionalismo galego no século XX, a suma do seu pensamento e os elementos centrais da súa proxección de futuro. En que a Unión Europea e o mundo lusófono seguen a configurar o horizonte. Eis un extracto da entrevista, publicada no número 345 do semanario en papel Sermos Galiza.

foto_IMG_0072
photo_camera [Imaxe: Laura R. Cuba] Camilo Nogueira

mini_2 (1)A súa formación académica non é de historiador...

Pero sempre digo que o bacharelato no instituto Santa Irene en Vigo foi a mellor formación en historia que tiven. Despois fixen dúas carreiras, enxeñeiro industrial superior en Vigo, Bilbo e Madrid, e logo economista por libre.

Quen foi o seu profesor da materia no bacharelato?

Houbo dous. Unha muller moi lista, maior, que sempre falaba da historia como contando contos. E outro profesor un pouco aldeán e moi listo. Pero coa historia enfróntaste aínda que sexas enxeñeiro.

Esa era a pregunta. Non ten formación regrada pero embarcouse nun ambicioso proxecto historiográfico.

Formación teño, non teño o título de historiador. Pero a historia aparece por todas partes. E despois tamén hai unha certa preocupación. Moita xente oriéntase na literatura sen máis. Eu tamén, e teño coñecementos literarios, pero a miña visión da vida está máis na xeografía que noutra cousa. Saber que pasou en África, que pasou aquí, e por que, e a relación da xeografía co mundo político. A historia nunca me foi allea.

E que o conduciu a un traballo da envergadura de Unha nación no mundo?

[Manuel] Bragado [anterior director de Xerais] sabe moi ben como foi este proceso. Houbo un intre en que me lancei a facer unha historia de Galiza, a Idade Media e o tempo contemporáneo. Fixen a primeira parte [A memoria da nación I. O reino de Gallaecia (Xerais, 2001)] e está o libro por aí. Despois metinme co outro e tardou moito tempo. Polo medio escribín catro ou cinco libros máis, que tiñan a ver co que facer. Unha nación no mundo empezou antes e despois foi adiado e posibelmente enriquecido. Pero a idea viña de antes. O fío condutor tíñao moi claro: reverter a negación de Galiza por parte de Castela. A chamada Castela responde en gran medida á negación de Galiza. Sen Galiza non se entende para nada o Estado español. E con Galiza demostras até que punto o Estado español está construído de forma imperfecta. Porque non podes construír un Estado democrático negando realidades evidentes, como o feito de que se falan catro linguas e non unha.

Detectaba a necesidade de escribir a historia de Galiza desde esa perspectiva?

Si, si. Pero non contra os galeguistas, que teñen unha certa presenza no libro, moi importante. O que era Galiza e o que eu pensaba modestamente xa está desde o principio. Por exemplo, que pasou coa nobreza galega? Ou coa Igrexa galega. Os Reis Católicos nun momento determinado desprazaron a nobreza galega, que conservou as súas propiedades pero non puido gobernar Galiza. Mais sen o traballo da nobreza galega aquí e no mundo non se entende nada. A Casa de Alba, por exemplo, é a suma dos Monterrei e dos Castro.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 345 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios