Ofrenda floral na Coruña

Galiza Cultura pon en valor a actualidade de Pondal cun "acto de vida"

Decenas de persoas acompañaron a federación Galiza Cultura de asociacións culturais na ofrenda floral na tumba de Eduardo Pondal, no cemiterio coruñés de Santo Amaro, na tarde da terza feira. Foi, en palabras de María Pilar García Negro, presidenta da entidade, “un acto de vida” en que se aludiu á actualidade do legado do bardo.

portada dentro

Pasadas as 17h decenas de persoas entraban no cemiterio coruñés de Santo Amaro, ao son do Himno do Antigo Reino da Galiza, para conmemoraren a vixencia do legado de Eduardo Pondal  no centenario do seu falecemento. Cunha ofrenda floral, a federación Galiza Cultura de asociacións culturais lembraba que o bardo morría o 8 de marzo de 1917 na cidade da Coruña.

En declaracións a Sermos Galiza, a presidenta da federación, María Pilar García Negro, puxo de manifesto que “a celebración de efemérides nacionais como este caso non son actos funerarios, senón actos de vida vinculados a algo fundamental da nosa condición de humanos, que é a memoria, e non só en termos de homenaxes de vida a todas e todos aqueles que nos precederon na configuración e na representación da nosa nación, da Galiza, senón tamén no que hai de exemplo para o presente e para o futuro”.

García Negro: "Necesitamos que a Galiza se oia a si mesma e coñeza a súa historia e a súa cultura"

En relación a Pondal, García Negro explicou que “as súas palabras non son defuntas, arqueoloxía, senón que manteñen unha vixencia esencial; como se dicía hai cen anos, a redención do pobo galego, e co vocabulario de hoxe, porque necesitamos que a Galiza se oia a si mesma e coñeza a súa historia e a súa cultura, e dispoña hoxe en día de todo o bo, rico e variado que se fai en todas as artes”. Engadiu que os medios, nos distintos soportes, “deben ofrecer unha imaxe do realmente existente na Galiza e non do prefabricado coa intención de que sigamos a ser elementos servos doutra condición, doutra política e doutra ideoloxía española, occidental ou global”.

A presidenta de Galiza Cultura tamén aludiu ao futuro porque “o que nós no presente vexamos construído vai valer para que as nosas e nosos descendentes se saiban fillos e fillas dunha nación con nome propio, a Galiza, e dunha patria que merece existir e pola que hai que loitar [citando Rosalía]”. “A cultura penetra tamén en todas estas ideas e é un estímulo fundamental para sermos mellores persoas, coñecedoras e coñecedores do noso e para desde Galiza poder, desacomplexadamente, ollar o mundo e ofrecernos a nós, en primeiro termo, mais ao mundo e á humanidade, en xeral”. “Esa é a vocación e a intención de Galiza Cultura e por iso nos sentimos honrados de sermos, en tanta compaña, a única entidade que tivo a ben lembrarse de Pondal. Agradecemos, neste sentido, a unha das nosas asociadas, Medúlio, a idea para que esta homenaxe se puidese celebrar”, salientou.

Homenaxe

P_20170307_172433Após a interpretación do Himno do Antigo Reino de Galiza, tomou a palabra María Xosé Bravo, en representación da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, da Coruña, quen fixo un percorrido oral polo “cemiterio de ilustres” que é Santo Amaro. Así, citou Curros (na xornada de hoxe fixéronse 109 anos do seu falecemento) , Murguía –de quen subliñou que foi o primeiro en pensar Galiza como nación-, Lugrís Freire, Casal ou Seoane. Tamén Amparo López Jean e Elvira Bao. Aliás, gardou unha lembranza para Luísa Villalta (a segunda feira, 6 de marzo, fixéronse 13 anos do seu pasamento).

A continuación tomou a palabra Manuel Ferreiro, profesor da UDC e estudoso da obra de Pondal, quen lembrou que hai cen anos “as Irmandades acompañaban o cadáver de Eduardo Pondal, o bardo do pobo galego, xunto cunha bandeira galega que trouxeron para cubrir o seu cadaleito”. “Aquí cantouse dunha maneira realmente solemne o Himno Galego”, engadiu.

Puxo de manifesto que as Irmandades “recoñeceron a obra de Pondal e a súa entrega á misión de redención do pobo, coas súas luces e con algunha sombras, coas súas contradicións e coas lecturas máis ou menos difíciles nas que actualmente nos temos que recoñecer”. “Espero que noutros cen anos outras Irmandades veñan entregar aquí unas flores perante a tumba de Eduardo Pondal e de todos os que viñeron detrás del”, agregou.

Xosé María Varela, presidente da Fundación Eduardo Pondal, agradeceu na súa intervención a Ferreiro o traballo de investigación realizado ao redor da figura do bardo, “somos o que somos grazas a Manuel Ferreiro, el descubriunos Pondal a través dunha serie de simposios pondalianos”.

Evencio Ferrero: "Que teñamos sempre o espírito de irmandade"

P_20170307_172422Antes de fechar o acto o Himno Nacional, foi a quenda de Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, quen declarou sentirse “moi honrado de estar facendo irmandade, nestes tempos onde tantos males aventan”. Após recuperar o texto de Pondal Terra Verde, expresou o seu desexo de que “todas e todos recibamos mal os insolidarios do planeta, todos os que queren facer muros, divisións e non entenden que ser dun país significa identificarse co propio e abrirse ao mundo”. “Que teñamos sempre o espírito de irmandade e que desde esta patria sexamos quen de transmitirlles ás futuras sociedades os valores de quen nos ten deixado a nós”, concluír o rexedor carballés.

No acto participaron Medúlio, O Facho, a Asociación Alexandre Bóveda, a Fundación Eduardo Pondal, a AELG, a Fundación Manuel María, a ASPG, A Mesa e o Concello de Carballo, entre outras entidades.Tamén estivo presente a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.

Comentarios