Galiza Cultura lembra Pondal esta terza feira na Coruña

Coincidindo coa conmemoración do centenario do falecemento de Eduardo Pondal, a federación Galiza Cultura de asociacións culturais homenaxea o escritor nun acto que terá lugar a terza feira no cemiterio de Santo Amaro, na Coruña.

pondal

Esta terza feira, 7 de marzo, Galiza Cultura organiza un acto de lembranza de Eduardo Pondal no cemiterio de Santo Amaro (A Coruña), onde fican soterrados os restos do escritor, que faleceu o 8 de marzo de 1917.

A ofrenda floral, que ademais coincide co 109 aniversario da morte de Curros, soterrado no mesmo cemiterio, contará coas intervencións de María Xosé Bravo (A.C. Alexandre Bóveda); de Manuel Ferreiro (estudoso da obra de Pondal); de Xosé Manuel Varela (presidente da Fundación Eduardo Pondal) e de Evencio Ferrero (alcalde de Carballo).

A homenaxe concluirá coa interpretación do Himno galego, cuxa letra é autoría de Pondal. A A.C. Alexandre Bóveda informa, en declaracións a Sermos Galiza, de que distribuirá entre as persoas que participen no acto o texto orixinal do Himno en formato peto para que poidan gardar na carteira.

Na conmemoración dos 100 anos do pasamento de Pondal tamén se lembrarán outros ilustres galegos e galegas soterradas en Santo Amaro, como o propio Curros, Murguía, Luís Seoane, Elvira Bao Maceiras, Amparo López Jean...

Comentarios