A Coruña será a sede do Campionato Paneuropeo de Fútbol Gaélico 2020. Así o anunciaron os Fillos de Breogán, entidade anfitrioa e organizadora da competición, que se desenvolverá desde o 17 de outubro de 2020.
A cidade herculina toma o relevo de Viena -que recibiu o Paneuropeo en 2019- logo de impoñerse a outras candidaturas, como a da cidade neerlandesa de Maastrich.
Únese así a Pontevedra, que entre o 17 e o 19 de xullo acollerá o Campionato de Europa de Fútbol Gaélico, facendo de Galiza a capital europea deste deporte, un dos que rexistra un maior crecemento en todo o país.
Os Fillos de Breogán móstranse exultantes e afirman a Nós Diario que a organización de ambas competicións será "un grande impulso" para o deporte no país, porque supón "recibir o mesmo ano as dúas probas máis importantes a nivel europeo, converténdonos no epicentro de todo o gaélico, o que é un orgullo".
Segundo explican, a Gaelic Games Europe -GEE, entidade análoga á UEFA no fútbol e responsábel última da decisión sobre o lugar de celebración do torneo- impón "moitos requisitos" aos lugares que aspiran á organización.
"A GEE pedía sete campos e unha serie de condicionantes a nivel infraestruturas na cidade, como proximidade de aeroportos ou determinado número de prazas hoteleiras. Xa non porque vaia desprazarse moitísima xente, senón por facilitar a visita dos equipos de fóra", apostilan.
"O máis importante para eles -engaden- era o tema das comunicacións e a dispoñibilidade de campos, e por sorte na Coruña contamos cos da Torre e os de San Pedro de Visma. Porén, aínda temos que perfilar como se repartirían as diferentes competicións neses campos, mais xa estamos falando co Concello".
A "necesidade" de apoios institucionais
A responsabilidade da organización do Campionato Paneuropeo de Fútbol Gaélico 2020 recae exclusivamente sobre os Fillos de Breogán, mais recoñecen a "necesidade" da colaboración institucional.
Polo de agora xa falaron co Concello da Coruña para poder empregar os campos municipais, e anuncian que "non se descarta nada" no referente á procura de "apoios concretos", xa sexa "en forma de patrocinio ou de subvención".
Tamén contarán neste reto coa colaboración da Asociación Galega de Fútbol Gaélico -o organismo regulador do fútbol gaélico na Galiza-, que "brindará o seu apoio a nivel loxístico e achegando voluntarios".
A experiencia do Campionato Ibérico, fundamental
Os Fillos de Breogán recoñecen que para ser escollidos pola Gaelic Games Europe como organizadores do Paneuropeo resultou fundamental a exitosa experiencia do Campionato Ibérico de Fútbol Gaélico que se disputou na Coruña en 2018
. "Foi importante porque equipos de Valencia, Madrid ou Barcelona apoiaron a nosa candidatura, chegando a dicir que foi o Campionato Ibérico mellor organizado de todos", apuntan. "Esa experiencia previa fai que esteamos bastante tranquilos, xa sabemos de que vai o tema a nivel organizativo, aínda que esta sexa unha competición moito máis grande. Estamos convencidos de que todo sairá ben", conclúen.