16 de marzo

Galiza en Braga: danza, xogos e músicas tradicionais

Unha vez Bracara Augusta foi o corazón administrativo da Gallaecia. Andado o tempo e a historia, a política trazaría unha fronteira entre Portugal e Galiza que a cultura, e adoito os propios pobos, non aceptaron. O Dia da Galiza em Braga, que este 16 de marzo celebra a súa sétima edición, tampouco se somete a esa raia no mapa.
 

galiza en braga 2019
photo_camera Detalle do cartaz da sétima edición do Dia da Galiza em Braga. Imaxe: cedida.

Danzas, xogos e músicas tradicionais ocuparán a xornada organizada polo Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho. Será no Mosteiro de Tibães entre as 14.30 horas e as 19.00 horas e tamén haberá exposicións e obradoiros galegos e portugueses.

A actuación de Lagharteiras protagoniza o apartado estritamente musical. Ademais, un obradoiro de baile tradicional, un coloquio sobre o entroido -a cargo dos profesores Carlos Pazos e Pablo Jablonski-, unha sesión de vídeos, varios xogos tradicionais para todas as idades e mesmo a posibilidade de se fotografar con máscaras tradicionais de Entroido completan o Dia da Galiza em Braga.

Nun encontro galego portugués tampouco falta a cultura gastronómica, orellas de carnaval e queimada.

“A finalidade do evento”, sinalan desde a universidade, “é reforzar lazos entre as dúas comunidades. Queremos chamar a atención das persoas para o bo que os nosos veciños galegos teñen para ofecer, enfocando as semellanzas culturais existentes entre dúas zonas tan próximas como o Minho e Galiza”.

Comentarios