Galicreques festexa o cuarto de século cun programa mixto e máis de 40 espectáculos

Jorge Rey, organizador, destacou o "reto" de sacar adiante a edición
Desde a esquerda, Jacobo Sutil, Mercedes Rosón, Xurxo Couto e Jorge Rey [Xoán Crespo / EP].
photo_camera Desde a esquerda, Jacobo Sutil, Mercedes Rosón, Xurxo Couto e Jorge Rey [Xoán Crespo / EP].

Compostela acolle a partir do vindeiro sábado a XXV edición do festival Galicreques, un evento xa consolidado na cidade e que festexa o cuarto de século cun programa internacional de máis de 40 espectáculos de marionetas para todos os públicos e que combina obras presenciais en diferentes espazos cun formato online especialmente dedicado aos centros educativos.

Jorge Rey, organizador da iniciativa, destacou na presentación o "reto" que supuxo sacar adiante esta edición nun contexto totalmente marcado pola situación sanitaria e as cambiantes restricións por mor da evolución da Covid-19.

Con todo, finalmente foi posíbel grazas á implicación de "todo o tecido que forma parte da cultura, tanto aos creadores como ás organizacións e institucións".

Entre o presencial e o virtual

A conmemoración dos 25 anos de Galicreques será "moi especial", malia as capacidades limitadas e as medidas de seguridade. Unha das novidades será a programación escolar para centros e institutos a través da rede, unha selección adecuada e escollida para ser vista en pantalla, de balde.

Mantéñense ao tempo as actividades e os cursos, como un de manipulación de obxectos e de dramaturxia, que contarán con grupos dun máximo de 10 integrantes.

En total, o festival contará coa participación dunhas 20 compañías e preto de 40 espectáculos, no que se combinará a tradición coa modernidade e artistas novos que apostan en discursos éticos e estéticos procedentes doutros territorios do Estado (Valencia, Andalucía, Euskal Herria, Salamanca, Aragón) ou mesmo do eido internacional (Brasil, México, Portugal e Arxentina).

Catro estreas

O Teatro Principal acollerá catro estreas ao longo da semana: Miragres, de Spaguetti, Micromina e os músicos Uxía Muíño e Bernardo Martínez; Plastikus, de Krisálida; O home que plantaba árbores, de Víctor Biau; e Gaia Baba, Moving Compass.

Ademais deste espazo, o ciclo contará con representacións noutros puntos, como os centros socioculturais e zonas ao ar libre como a Alameda, que contará cunha carpa, o parque Europa ou a praza de Pratarías.

Xurxo Couto, da Deputación da Coruña, lembrou na rolda de prensa a "difícil situación" que atravesa o sector e reivindicou a importancia de traballar para que saia deste 2020 "o máis fortalecido posíbel", mostrando que "a cultura é segura" e "non contaxia".

Comentarios