Cultura

O Galician Freaky Film Festival convoca o concurso "Curta ou susto"

As mellores proxectaranse na terceira edición da mostra
2020050417475365873
photo_camera Detalle do cartaz do Galician Freaky Film Festival.

Fronte á paralización de actividades culturais a causa da pandemia, a organización do Galician Freaky Film Festival lanza unha convocatoria para realizadoras audiovisuais, de nivel quer amador quer profesional, co fin de non perderen o "músculo creativo". Curta ou Susto busca obras dun máximo de 30 segundos de duración (sen ter en  conta os créditos) nos que se transmita "calquera sensación que produza un forte arrepío nas espectadoras", seguindo coa liña temática que artella os contidos do evento.

A participación está aberta até 30 de maio a través das redes sociais. As persoas que o desexen deben publicar a súa achega incrustada nas súas propias contas de Facebook, Instagram ou Twitter, seguir ao Galician Freaky Film Festival e empregaren o cancelo #CurtaOuSusto logo de etiquetar o festival. Os mellores traballos recibidos proxectaranse na terceira edición da mostra, que polo momento mantén as datas previstas inicialmente, entre o 28 e o 31 de outubro de 2020 sala Videodrome de Vigo. O certame regresará de novo á cidade co fin de ofrecer ao público todo tipo de filmes de terror e serie B, o "mellor do peor da industria cinematográfica" galega e tamén internacional. 

Comentarios