O Galeusca literario debate en Barcelona a profesionalización da escrita

“A profesionalización do oficio de escribir e traducir” é o tema do encontro da Federación Galeusca que xunta este fin de semana en Barcelona escritores e escritoras da Galiza, Euskadi e Cataluña. 

Suso de Toro
photo_camera Suso de Toro

O presidente e a secretaria da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas ademais de Suso de Toro e Ledicia Costas integran a delegación galega que participará no encontro anual da Federación Galeusca que nesta ocasión dáse cita en Barcelona para debater arredor da profesionalización do oficio de escribir e traducir. 

Integrada pola Asociación de Escritores en Lingua Catalá (AELC), a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e Euskal Idazleen Elkartea (EIE), a Federación Galeusca abordará nesta fin de semana  as posibilidades e os atrancos para a profesionalización na literatura neste tempo de crise. 

As posibilidades de seren profesionais

Con este obxectivo presentarase o estudo do CoNCA "36 propostas para a mellora da condición profesional no mundo da cultura", a cargo do bufete de avogados Brun & Guiu,  ademais do informe realizado pola AELC, "Escribir en catalán: estado da profesionalización. Os efectos da crise económica sobre o colectivo de escritores" a cargo dos sociólogos Marc Aguilar e Lluís Mangot. Escritores e escritoras das tres nacións participarán no debate que, no caso galego, contará coa intervención de Suso de Toro, dos poucos que optou no seu momento pola profesionalización que logo abandonou para volver ao ensino e de Ledicia Costas que comparte a súa condición de escritora coa de avogada. 

O encontro acollerá tamén a asemblea anual da Federación, nunha xornada que rematará cun recital poético musical de María del Mar Bonet. 

A Federación Galeusca constituíuse en 2008na xuntanza de Poblet, cando se cumpría o 25 aniversario da xuntanza anual de representantes das tres literaturas que tiña como obxectivo intensificar a relación entre representantes da escrita das tres linguas minorizadas. 

A representación, promoción e defensa dos autores e autoras, a coordinación de accións na defensa de dereitos profesionais, a actuación conxunta diante de organismos e institucións, o impulso da normalización do feito literario e o fomento das relacións con outras Federacións ou Asociacións son algúns dos seus obxectivos. 

Comentarios