A tarde do 25 de xullo

A Galería das Ideas busca fomentar o debate no Festigal

A Galería das Ideas desta edición acollerá os coloquios "Eixos para a construción nacional" e "Os mitos da colonización en Europa: o caso galego, vasco e catalán", nos que participarán representantes políticos e de diversos colectivos nacionais.
Galeria das ideas 2016
photo_camera [Imaxe : Cedida] Coloquio realizado no 2016

Como todos os anos, ademais dunha ecléptica oferta musical, o Festigal desenvolverá múltiples actividades culturais na tarde do Día da Patria Galega. Entre elas destaca a Galería das Ideas, a cal estará enfocada no debate de temas da actualidade política desde o punto de vista do nacionalismo.

O inicio desta actividade terá lugar ás 18.00 horas co coloquio Eixos para a construción nacional. Un evento coordinado por Vía Galega, a plataforma en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, e no que participarán representantes de diversos ámbitos como Paulo Carril (sindicalismo), Ximena González (feminismo), Virxinia Rodríguez (ecoloxismo) e Beatriz Peres (centros sociais).

Hora e media despois, ás 19.30 da tarde, será a quenda da palestra Os mitos da colonización en Europa: o caso galego, vasco e catalán. Nesta actividade intervirán a eurodeputada do BNG, Ana Miranda; o eurodeputado de EH Bildu, Pernando Barrena; e o vicesecretario de acción política de ERC, Eduard López.

A maiores, como todos os anos, o Campus Sur albergará até 30 postos de asociacións (relacionadas coa defensa do idioma, da cultura, do feminismo, da educación,...) e 50 postos de mercado, nos cales se poderán comprar diversos produtos téxtiles, gastronómicos ou de arte.

Comentarios