Galegote Rock, a cita das bandas galegas en Pontevedra

Un festival de rock organizado por unha Concellaría de Normalización Lingüística. Así é o Galegote Rock, unha cita que chega a súa terceira edición ofrecendo rock ao vivo na nosa lingua. Oito bandas en concerto do 24 ao 26 de abril. 

familia caamagno
photo_camera Familia Caamagno

O Galegote Rock chega a súa terceira edición ofrecendo tres días de concertos con oito propostas musicais do 24 ao 26 de abril. Organizado pola Concellaría de Normalización Lingüística de Pontevedra, as bandas que participan no festival cumpren dúas condicións básicas, a súa calidade e empregar a lingua galega nas súas cancións. A terceira, vén xa da man da organización, trátase de que o escenario sexan salas comerciais da cidade, co fin de achegar a música en galego ao público que asiste a cotío aos concertos ao vivo. Alén do obxectivo normalizador, o Galegote Rock busca tamén difundir a música que están a facer grupos profesionais que cantan na nosa lingua. 

Con estas marcas de identidade, o Galegote iniciarase a quinta feira día 24 no Pequeno Karma co concerto de Banda do Terror ás 22 horas máis o DJ O Xabarín de Bora a partir das 00 horas con clásicos do rock e un especial Xabarín 

Para a sexta feira día 25 de abril a Sala Karma abrirá as portas ao festival cun concerto ás 22.30 no que participarán Machina e Transilvanians. A seguir, por volta das 00 horas, o Pequeno Karma ofrecerá unha sesión indie-rock de bandas galegas co Fillo do Fiusa DJ. 

O día final do festival, o sábado 26 de abril xuntará na Sala Karma a Frenaso no Calsonsillo e Familia Caamagno ás 22.30 para rematar no Pequeno Karma ás 00 horas con DJ Nano Vinilo e unha sesión de rock.indie e clásicos de bandas galegas. 

A entrada será de balde para os concertos de Pequeno Karma e de 4 euros para os da Sala Karma que se poden mercar no mesmo día ou reservar en [email protected]

Comentarios