Francisco Calo, historiador: "Os galegos pescaban nas rías e non en Terranova porque non eran parvos"

"Nacín no mundo mariñeiro. Aprendín a nadar entre peixes, son un deles. Tiven a sorte de poder estudar e chegar a ser catedrático de Xeografía e Historia, pero sigo sendo mariñeiro". Con esta autobiografía, ninguén mellor que o historiador Francisco Calo (Porto do Son, 1948) para escribir Vida e traballo no mar dos galegos.
pomar2
photo_camera O profesor Francisco Calo, durante unha clase (Foto: Nós Diario).

Que se pode atopar en Vida e traballo no mar dos galegos? Como se estrutura a obra? 

Estrutúrase dunha maneira moi particular, porque a concepción que tiven da obra foi precisamente a de facer algo totalmente didáctico, e para iso elaborei apartados, subapartados e máis divisións. A estrutura é como penso eu que se deben facer nas cousas da historia e da antropoloxía, é dicir, desde a xeografía.

En que consiste esa visión xeográfica das cousas?

Consiste en coñecer cal é o marco xeográfico no que se desenvolven, porque se non podemos entender o marco xeográfico é imposíbel saber o que pasa. Eu gusto de insistir en que non podo ver unha cousa de historia se non a teño na cabeza, como se a estivese vendo cos ollos, xeograficamente falando. A min non me vale que digan que Carlos V arrasou ao seu curmán Francisco I de Francia na Batalla de Pavía, se eu non sei onde está Pavía exactamente para min iso sería falar por falar. Xa que logo, eu non podo entender o mundo do mar galego sen coñecer ben a xeografía da costa galega. Entón, no libro parto desa base, falo primeiro da morfoloxía da costa galega, logo da plataforma continental, dos diferentes tipos de rías, etc. Ah, e tamén da climatoloxía.

Por que da climatoloxía?

Porque se temos o peixe que temos en boa medida é tamén por iso, polo clima que hai na Galiza, concretamente dos tres tipos de clima que temos aquí e que afectan ás nosas costas. Do mesmo modo que a hidroloxía é relevente ao seu modo, pois se os nosos ríos son dun terreo silíceo non pode haber cangrexos de río, e os nosos crustáceos non terán a cuncha dura, como os franceses, porque aí os terreos son calcáreos. Eu o que fago, basicamente, é compilar todos eses elementos que levan a coñecer o mundo do mar, incluídos os máis básicos, como a vexetación, pois sen ela non pode haber barcos, nin sardiñas afumadas, porque se precisa loureiro, por exemplo. E, por suposto, tamén afondo nas comunidades de pescadores.

Como nacen esas comunidades de pescadores?

En primeiro lugar, e que para min foi o máis importante, polo papel dos mosteiros, xa que os monxes necesitaban peixe. A posteriori, sería relevante tamén o papel dos reis, non porque quixeran peixe, senón porque querían comercio. E ese comercio empezou como en calquera outro lugar da costa atlántica europea, porque a partir do século XII todos os que mandan queren ter portos para comerciar. Así naceron Noia, Pontevedra...

Mais, se as súas características non son diferentes ás do resto da costa atlántica europea, como conseguiu a Galiza tornar nunha potencia pesqueira?

Conseguiuno, precisamente e en boa medida, polo que acabo de comentar, porque temos unha marabilla de contorna, cunha plataforma continental pequena, pero moi rica, con moito e moi bo peixe, é por iso  que tornamos en potencia pesqueira. As rías permitírono. Eu contrasto a situación da Galiza coa de Portugal, onde non había pescadores, e aínda hoxe en día hai poucos, alí o que teñen son navegantes, debido á morfoloxía rectilínea das súas costas, que non permiten ter un asentamento normal de pesca durante todo o ano. No outro extremo estaría, por exemplo, Pontevedra, onde se pescaba e afumaba sardiña en toneladas, pero resulta que quen logo a transportaba eran os portugueses, que viñan cos seus barcos para axiña saír rumbo o Mediterráneo e Flandes. Quero dicir que a xeografía fixo dos portugueses, vascos ou bretón, navegantes, e dos galegos, pescadores. Por que, se temos peixe aquí, porque imos de ir a Terranova? Non eramos parvos.

Que diferenzas hai na vida e o traballo que se desenvolvía no interior, moitas veces a moi poucos quilómetros de distancia?

A diferenza é total. Eu fago moito fincapé en que en todas partes as comunidades de pescadores estaban feitas, en principio, por xentes rebotadas da agricultura, xente sen terras propias, criados... que non lles quedou outra que ir á beira do mar e facerse pescadores. Mais facerse pescador require séculos, iso está demostrado en comunidades incluso da actualidade. Leva tempo. Por que? Porque ao home todo lle cambia unha vez que entra no mar, todo é móbil, o barco, o peixe... e en calquera momento pode morrer, é moi diferente á vida dun labrego, non ten a súa seguridade. Iso créalle unha maneira de ver a vida distinta. O tópico que se di de que os mariñeiros malgastan os cartos é certo, porque ao día seguinte poden morrer afogados.

Pódese falar dunha división antropolóxica de galegos segundo sexan marítimos ou de interior?
Totalmente. Pero non só entre galegos, senón con todos os mariñeiros de todo o mundo. Eu teño publicado que un mariñeiro galego ten mais parecido antropolóxicamente falando cun mariñeiro da Bretaña ou do sur de Italia do que ten cun labrego dos Ancares. Por iso todos os mariñeiros teñen a mesma mentalidade, e por iso enténdense perfectamente en calquera porto do mundo aínda que non falen o mesmo idioma, porque son mariñeiros.

Dan os galegos o valor e a importancia que teñen ao mar e as súas xentes??

Non. Ignórase totalmente. A xente que non ten que ver co mar non teñen nin idea de como pensamos os mariñeiros, e inclúome, porque son mariñeiro.

Comentarios