O galego que vende libros "antigos, raros, curiosos e esgotados" na Axarquía

Vende libros como antes, falando coa persoa que pode ser cliente. Ten un fondo de máis de 60.000 libros “antigos, raros, curiosos e esgotados”, cun apartado especial para libros galegos. O coruñés Antonio Castillo xestiona Libros La Peña desde Benajarafe, na Axarquía de Málaga.

photo_camera

Buscaba un lugar no que fuxir da friaxe de Madrid e chegou hai case dez anos á Axarquía, á localidade malagueña de Benajarafe onde instalou o seu amplo fondo de libros que vende a distancia. Antonio Castillo marchou con 17 anos da Coruña na que naceu e desde entón reside fóra, mais volve cada verán á súa cidade natal. Desde alí chegounos un día un correo, escrito en galego, no que se presentaba como “modesto libreiro galego radicado na bisbarra da Axarquía”. Informaba do seu fondo de máis de 50.000 libros e remitían a lista dos galegos, algúns dos século XIX e uns cantos do XVIII. 

“Escusado é dicirlle que, agradecémoslle que difundan entre os seus amigos ou calquera persoa interesada nos libros” a súa iniciativa, dicía o correo que se despedía con cordialidade: “Saiban que ficamos a súa enteira disposición para aclararlle calquera dúbida que puidera ter coa información adxunta, e entrementres reciba o noso cordial saúdo”. 

Con este reclamo, chamamos a Antonio Castillo para nos interesar pola súa iniciativa, por eses libros galegos que se venden desde a Axarquía. Ao outro lado do teléfono, unha voz amábel explicaba con paixón o seu oficio, o vendedor de libros a distancia mais en contacto directo co cliente. Libros La Peña ten páxina web -en reformas, que abrirá nova en breve- mais non vende a través da rede. O promotor do negocio non entende esa maneira impersoal de actuar, el coñece ás persoas que lle mercan libros e mesmo sabe os seus gustos. 

Vintecinco anos no oficio

“Levo uns vintecinco anos dedicado á venda de libros e sempre o fixen así. Teño clientes galegos e trato con eles directamente. Mesmo cando me mandan un correo coa petición, eu chamo para falar con eles”, explica con calma Antonio Castillo, que vive ao carón do mar preto dunha pequena cala na que pesca, nun espazo que describe como o paraíso. 

Castillo está rodeado de libros e non só os destinados á venda. “Meu pai era taberneiro e tiña unha biblioteca, miña nai tamén. Agora a xente parece que ten medo a ler, pensan que entrando en google todo está resolto”, comenta Castillo que foi mariño mercante de novo e agora xestiona o seu tempo coa venda de libros desde o domicilio, sempre en contacto directo coa persoa que merca, con clientes fixos que levan anos adquirindo volumes do fondo de Libros La Peña. 

Na rede podemos ter acceso aínda á listaxe de Libros La Peña mais Antonio Castillo afirma con contundencia que nunca venderá a través de internet. Está certo diso, sen por iso se gabar de ser pioneiro no traballo desde casa, opción que escolleu e que defende. “Nunca tiven libraría aberta. Eu marco o meu ritmo. Collo longas vacacións no verán para ir á Coruña e o mundo non se funde, non pasa nada”, comenta desde a Axarquía, ao tempo que agradece a difusión do seu proxecto, que estará en breve na rede cunha páxina web nova mentres aínda se pode consultar a vella. Entretanto, o seu correo está sempre activo: [email protected]. Contactarán así con Libros La Peña, que completa o título coa lenda “Libros Antiguos, Raros, Curiosos e Esgotados”.

Comentarios