Agasallos en galego polo Nadal

A Mesa Pola Normalización Lingüística vén de editar un catálogo de Nadal para recoñecer as empresas que empregan o galego nas súas comunicacións.
[Imaxe: Leandro Lamas]
photo_camera Deseño do Apalpador [Imaxe: Leandro Lamas]

Coa chegada do mes de decembro e o acendido das luces de Nadal, a xente comeza a pensar en mercar os agasallos para a familia. Nesas decisións prima moito o prezo e as ofertas como as dos recentes Black Friday ou Ciber Monday, pero aínda son moitas as persoas que se fixan noutro tipo de criterios á hora de facer as súas compras. Hainas que miran a sustentabilidade, e tamén as que priman a compoñente social. 

Para estas últimas, a Mesa pola Normalización Lingüística vén de publicar o seu Catálogo de Nadal de 2019, no que os presentes corresponden a empresas que fan unha aposta decidida en comunicar en galego. Como explica a Nós Diario o presidente da Mesa, Marcos Maceira, o catálogo é unha ferramenta para difundir o importante traballo que fan as empresas que contan co certificado 'Abertos ao galego', un proxecto que naceu en 2008 para certificar o compromiso das empresas no uso da nosa lingua. 

O lanzamento do catálogo ten unha dobre intención. Por unha banda, "premiar" ás empresas que apostan no galego  e, por outra, animar ao resto de comerciantes a sumarse a esta iniciativa que, como apunta Maceira, serve tamén para estreitar a relación das empresas coas súas clientas por medio do recoñecemento da súa lingua. "Podemos paliar o déficit do galego elixindo estes establecementos. Neste caso, a axuda a estes comercios ven da propia sociedade, que responde coa satisfacción de ver recoñecido o emprego do galego". "Podemos empuxar a máis empresas se nós como clientes contribuímos a fortalecer esa actitude", engade Maceira. 

O catálogo, que se distribuirá de forma física polas vilas do país e que tamén se pode consultar na web da Mesa (www.amesa.gal), incorpora un directorio con case un centenar de empresas, ademais de numerosas referencias que van desde libros, instrumentos de música, a xoguetes, téxtiles ou establecementos de turismo rural.

Aplicación móbil

O proxecto 'Abertos ao Galego' conta tamén cunha aplicación móbil que se pode descargar nas principais plataformas. Trátase dunha ferramenta na que os cidadáns poden sinalizar as empresas que empregan o galego a cotío, pero tamén as que o empregan nos anuncios ou na promoción dos seus produtos. Como di o presidente da Mesa, é "o Trip Advisor do galego", xa que as persoas usuarias, á parte de indicar as localizacións dos negocios que apostan no galego, teñen a posibilidade de valorar o anuncio ou o produto e mesmo puntuar aspectos como a oralidade nas publicacións que fai. "Trátase de fomentar que a xente consuma nos espazos e empresas que teñen compromiso cos clientes polo emprego do galego". 

Tanto o catálogo de Nadal, que ten nas guitarras galegas de Sabrafén unha das referencias máis rechamantes, como a aplicación móbil son iniciativas encamiñadas a normalizar o emprego do galego nas empresas, pero tamén a recoñecer os esforzos que fan os pequenos establecementos para normalizar os seu uso. Nos últimos anos foron moitas as referencias que se sumaron á lista, pero dende a Mesa pola Normalización Lingüística queren animar á poboación a que aporte o seu graniño de area e que, a través da aplicación móbil, "comuniquen cales son as empresas que hai no seu entorno que empregan con asiduidade o galego para que as sumemos á nosa iniciativa". Do que se trata, conclúe Marcaos Maceira, é de que estes negocios "tamén sintan ese acompañamento" por parte da sociedade. 

Comentarios