III Edición do 'Eclosom'

En galego e con presenza feminina: a música emerxente que vén para ficar

Os betas en lilá de Flow de Toxo, a música tradicional a dinamtir prexuízos de Lagháchema, a improvisación elegante de Nós ou o blues-rock atemporal de Kanitroters. Catro propostas no certame do Pichel e que cumpren requisitos: en galego e con elas.

 

lagáchema pandeireta
photo_camera Lagháchema

Anos intensos para a música en galego, con propostas diferentes, diversas e até contraditorias. En calquera estilo e sen complexos, grupos, bandas e solistas agroman, desaparecen, permanecen, xúntanse para dar vida nese ecosistema que é a música en galego. No centro social A Gentalha do Pichel quixeron facer algo para axudar a vogar nesa dirección e engadíronlle un reto a maiores: exixir presenza feminina, apostando así en rachar cun campo (a música) onde tamén o patriarcado está presente.

Catro son os grupos que participan na III edición do 'Eclosom', o certame de músicas emerxentes que convoca este CS. A partir de xa fica aberto o período de votación para escoller a banda favorita, que se estenderá até o 31 de Marzo ás 23h59.

A gala final terá lugar o 13 de Abril, no centro social, e o grupo gañador levará un premio de 300 euros, a actuación na Festa do Dezassete e o uso de balde durante um ano do local de ensaio do CS..

Flow de Toxo

“Medramos cos beats da louza, das pandeiretas, dos leghóns, das faíscas na cociña de ferro. Cos beef retranqueiros das veciñas. Coas batallas de ghalos das regueifeiras, poetas do inmediato. Co flow das xiadas, do lume e do estrume. Co toxo”.

“Cantamos para okupar escenarios e torreiros, espazos como tantos outros que nos foron arrebatados ás mulleres. Cantamos para empoderarnos”.

Nós

“A música de Nós comprende un abanico musical que vai dende o Jazz clásico, pasando polo Blues, o Soul, R&B… ata chegar á influencia de grupos e artistas coma Nina Simone, Freddie Mercury, Lou Reed, Ray Charles, os Beatles…
Porén, Nós non se pode encasillar nun só estilo musical, xa que parte dunha importante base de Improvisación e mestura de estilos, así coma tamén de idiomas, realizando temas en galego, inglés, castelán, portugués e italiano”.
 

Lagháchema

“Somos unha fornada de cantadoras e tocadoras a ras do chan. Xuntámonos no Pichel e fómonos deixando arrastrar. Cremos que a música tradicional debe chegar a tódolos ambientes e a tódolos espazos. Por iso, en parte, estamos aquí. Porque somos moi bichas, pero non bichas raras.

E porque nos presta".

Kanitroters
 

"A banda, composta por seis membros de moi diferentes idades (dende os vintedous anos ata os corenta e sete), e con vidas moi distintas (estudiantes, currantes,…) e gustos musicais, que senon chega a ser por isto da música, nunca se coñecerían".


 

Comentarios