Un galego de Moaña na corte de Gwendal, o mítico grupo bretón do folk celta

O gaiteiro Anxo Lorenzo toma parte na gravación do CD e DVD de 45 aniversario do conxunto bretón, un dos grandes da música celta.

Anxo gaiteiro

No rock hai riffs que xa forman parte da súa historia e que son recoñecíbeis facilmente polos amantes desta música. 'Satisfaction' ou 'Smoke on the water' poderían valer como exemplo. Algo parecido pasa na escena 'celtas' con algunhas melodías. E varias delas son de 'Gwendal', por exemplo 'Irish Jig', 'An Dro Nevez' ou 'Joe can´t reel' . O conxunto bretón é todo un referente no folk internacional, posto que leva labrando desde os 70. Gewndal actuou ao longo da súa historia até 3 ocasións no festival de Moaña e sempre manifestou que “O Morrazo parécese moito a Bretaña”.

O gaiteiro de Moaña Anxo Lorenzo vai estar na gravación do novo CD e DVD de Gwendal en directo, con motivo do 45 Aniversario da famosa banda bretona. A cita será o 5 de Setembro no XXXI Festival Internacional Folk de Getxo (Bilbao). Será o único concerto no Estado e nel os bretóns darán un repaso a máis de catro décadas sobre os escenarios. Ademais de Anxo acompañando a Gwendal en varios temas coa Gaita e Low whistle, tamén participan artistas como o gran acordeonista vasco Xavi Aburruzaga, o gaiteiro asturiano Rubén Alba e o frautista andaluz de RareFolk Rubén Díez.

Outra das citas destacadas este ano para Anxo será a colaboración con BocleBros Keltic Project e o gaiteiro bretón Loïc Blèjean no William Kennedy International Piping Festival, que se celebra a mediados de novembro desde hai 22 anos en Irlanda do Norte. Será a oitava vez que o moañés participa neste gran festival, que reúne cada ano en Armagh aos mellores gaiteiros do mundo.

Comentarios