MÙSICA

O galego Juan Durán gaña o Reina Sofía de composición musical

O compositor galego Juan Durán vén de gañar o premio Reina Sofía de composición musical coa súa obra Whispers in the Dark, que se estreará en Madrid en outubro.

[Imaxe: Facebook] O compositor Juan Duran
photo_camera [Imaxe: Facebook] O compositor Juan Duran

O vigués Juan Durán (1960) é o gañador do XXXV premio Reina Sofía de composición musical, un prestixioso recoñecemento que está dotado con 35 mil euros, pola súa obra Whispers in the Dark.

Considerado como o máis importante compositor galego da súa xeración e o de maior proxección internacional, Juan Durán foi premio da Crítica en 2009 e da Cultura Galega 2013.

É autor, segundo salienta a Fundación de Música Ferrer-Salat, que convoca anualmente o galardón, dun “catálogo no que a ópera e a música sinfónica e sinfónico-coral conviven cunha importantísima produción de música de cámara e lied, ademais de infinidade de arranxos e orquestracións de música popular galega”.

Mestres como Osmo Vanska, Pietro Rizzi, Edmon Colomer, Juanjo Mena, Víctor Pablo Pérez e Antoni Ros-Marbà dirixiron pezas súas, mentres que cantaron as súas composicións desde Elina Garança ou Cristina Gallardo-Domâs ao Orfeón Donostiarra.

O xurado do premio estivo formado por Martín Matalón, David del Puerto, Antonio Lauzurika, Jesús Rueda e Michael Thomas, o presidente.

Comentarios