Vudú (Belém Tajes e Maritxinha Gómez)

“En galego deberían existir todos os estilos e todas as etiquetas de música”

Vudú son Belém Tajes (Bos Aires, 1984) e Maritxinha Gómez (Miño, 1986). Tras dous EP, presentan o seu primeiro álbum longo, Vudú vol. III, no que consolidan un estilo propio marcado por letras que proceden da música tradicional con harmonías de soul e R&B. Será o 16 de decembro na Sala Garufa da Coruña, onde estarán acompañadas polo grupo compostelán Grüvzilla. “Despois de termos xirado por toda Galiza no verán, quedáranos a espiña da Coruña porque chovera no Festival Noroeste”, lembran. Eis un extracto da conversa publicada no número 326 de Sermos Galiza.

Vudú son Maritxinha, á esquerda, e Belém Tajes, á dereita.
photo_camera Vudú son Maritxinha, á esquerda, e Belém Tajes, á dereita.

4Como foron os inicios de Vudú?

Belem Tajes. Antes eramos catro, dous homes e dúas mulleres, mais era moi difícil levalo adiante porque a parte masculina tiña moitos compromisos. Pensamos entón por que non empezamos a ensaiar as dúas? Foi bastante casual. Como dúo comezamos en 2016.

Vudú foi o grupo revelación da sesión vermú dos festivais do pasado verán.

Maritxinha Gómez. Os festivais viñéronnos todos xuntos este ano. O ano pasado fomos ao Revenidas e non fixemos moito máis.

B.T. Trouxo sorte o Premio Martín Códax e visibilidade.

Que supón para Vudú gañar o Premio Martín Códax?

B.T. Unha sorpresa.

M.G. Eu nese momento acababa de ter un accidente e estaba bastante, sen querelo, pechada en min mesma, na casa, e foi como unha luz.

Que balanzo fan das actuacións do verán?

B.T. É un balanzo moi positivo, estamos moi agradecidas, tanto polo público como pola xente que compartiu a música con nós como polas boas críticas, como pola xente que nos chamou para tocar.

E da acollida do público?

M.G. Hai algo que me sorprende de maneira especial: a xente queda sorprendida, queda coa boca aberta. Ao principio, nós pensabamos: Que lles pasará? Gustaralles ou non? E despois asumes que mal non lles debe parecer porque quedan.

B.T. Si, custounos saber que esa reacción de sorpresa, esa cara de “Que fan estas?” era positiva. Pasounos en varios concertos, mais xa nos afixemos.

E “que fan estas”?

B.T. Pode sorprender porque facemos versións de cantigas de toda a vida e poden resultar raras, mais son riquiñas.

M.G. Tamén sorprende a formación instrumental, un baixo, un teclado e unha voz, non é o máis común.

Como define Vudú a música que fai?

B.T. A maioría das letras son tradicionais, aínda que temos letras propias, e mesturámolas con harmonías modernas. Chamámoslle soulk, acabado en k, pola mestura do soul e o folk. Non facemos nada novo porque todo isto xa estaba inventado. Houbo referentes de soul en galego, como Carmen Rei ou quizais Marful nalgún momento puido ter esa influencia, mais non é habitual. En galego deberían existir todos os estilos e todas as etiquetas de música, igual que existen noutros idiomas.

M.G. Quizais o soul non é tan visíbel.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 326 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios