A poesía da Nobel americana Louise Glück poderá lerse en galego

A editora Chan de Pólvora publica 'Receitas de inverno desde a comunidade', a nova proposta de poesía da escritora. O libro foi traducido ao galego polo tamén escritor Samuel Solleiro. Esta saída ao mercado forma parte dunha forte aposta na gañadora do Nobel de Literatura de 2020.
A poeta Louise Glück foi gañadora dun premio Nobel. (Foto: Chan de Pólvora)
photo_camera A poeta Louise Glück foi gañadora dun premio Nobel. (Foto: Chan de Pólvora)

O galego, da man da editorial Chan de Pólvora, vén de adiantarse a calquera outro idioma do mundo na tradución do primeiro poemario que asina a escritora Louise Glück, despois de levar o Premio Nobel de Literatura en 2020. Receitas de inverno desde a comunidade, como así de titula na Galiza, só está dispoñíbel de momento na versión orixinal en inglés e en lingua galega. 

A saída do prelo dunha obra no idioma propio da Galiza antes que no resto das linguas peninsulares e do francés, por exemplo, é considerado un logro, polo que a empresa editora aproveitou para reeditar outro poemario de Glück, Noite fiel e virtuosa, cun formato especial elixido pola propia creadora. Ambas as achegas ao galego foron obras do tamén escritor e tradutor Samuel Solleiro. 

Receitas de inverno desde a comunidade (Winter recipes from the colective na versión orixinal) é a primeira publicación que saca ao mercado a autora despois de obter o recoñecemento de carácter internacional, e xa foi recibido pola “crítica anglosaxoa con entusiasmo”.

De feito, este colectivo profesional recibiuno de maneira simultánea que na Galiza. 

A firma galega fala dun libro "sorprendente" en parte "porque ninguén esperaría que Louise Glück reunise uns poemas de aparencia tan sinxela”. Tamén porque se en Noite fiel e virtuosa despregou recursos para renovar a súa poesía, “agora asistimos a unha inquietante estabilización da voz e da expresión”. Mentres o anterior volume achega a lectoras e lectores ao “abismo da morte”, a nova proposta “colócao ante a fiestra do único que en realidade coñecen: a vida”. 

“O poema diversifícase. A temática destílase. A aparataxe simbólica depúrase ou deslízase por superficies retorcidas como paisaxes surrealistas. Aparecen os temas predilectos de Glück e, por suposto, non pode faltar a súa irmá morta, a súa nai ou as historias de amantes sádicos. Todo o seu mundo está aí, incluso as nosas vidas”, reflexionan desde Chan de Pólvora.

Os libros da gañadora do Nobel de literatura aparecen na colección "O Río", precisamente destinada ás traducións. Estas son obra de Samuel Solleiro, que á súa vez ten as súas propias achegas á poesía galega con libros como O mundo dos vivos ou Punk, que foi o poemario que construíu na súa xuventude.

A editora oficial da poeta para Galiza destaca que vén de facer “unha forte aposta” polas súas achegas ao mundo literario e vai publicar tres dos seus libros, entre os que estará Averno

Comentarios