Cinema

As galegas “Meigallos” e “Psiconautas”, nos Premios Platino de Cine Iberoamericano

Galiza está presente nos Premios Platino de Cine Iberoamericano, cuxa gala terá lugar na noite do sábado. Faino da man do filme Meigallos, de Virginia Curiá, e de Psiconautas, de Alberto Vázquez e Pedro Ribero.

psiconautas
photo_camera Fotograma de Psiconautas

O cinema galego está representado nos Premios Platino de Cine Iberoamericano, que teñen lugar na noite do sábado. E é que Meigallos, de Virginia Curiá, e Psiconautas, de Alberto Vázquez e Pedro Rivero, forman parte dos filmes nominados á mellor cinta de animación, premio ao que concorreron 847 películas.

Meigallos é unha coprodución entre a galega Agallas Films e a brasileira Otto Desenhos Animados, e nela participa a TVG. Con versións en galego, portugués, español e inglés, xa foi adquirida nos EUA e no Canadá.

Por outra banda, Psiconautas, de Zircozine, Basque Films, Abrakam Estudio e La Competencia Producciones, xa gañara o Goya á mellor película de animación. O propio director, Alberto Vázquez, explicaba, nunha entrevista concedida ao semanario Sermos Galiza, o proceso de produción e rodaxe dun filme creado para facer reflexionar.

As fitas galegas non o van ter doado. Compiten coas españolas Ozzy e Teresa y Tim e coa mexicana La leyenda del chupacabras.

Comentarios