Literatura

Galaxia e Xerais presentan as obras gañadoras do Torrente Ballester

Dúas novelas de Antón Riveiro Coello (O paraíso dos inocentes) e Álex Alonso (Granito).
De esquerda a dereita, Xurxo Couto, Antón Riveiro Coello e Francisco Castro no acto.
photo_camera De esquerda a dereita, Xurxo Couto, Antón Riveiro Coello e Francisco Castro no acto.

Antón Riveiro Coello presentou hoxe, na Coruña, O paraíso dos inocentes (Galaxia), novela gañadora do  Premio Torrente Ballester 2019, xunto con Álex Alonso, que presentou Granito (Xerais), coa que partilla o recoñecemento. Asistiron en compaña dos autores o responsábel de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; o director de Galaxia, Francisco Castro, e o de Xerais, Fran Alonso.

Riveiro Coello lévanos a marzo de 2016, en plena guerra de Siria, a unha Alepo dividida en dúas partes enfrontadas. No lado rebelde, a activista Amira loita por informar o mundo desde dentro da guerra e visita un orfo rescatado baixo os cascallos; no lado do réxime, Isam, un químico que traballa nunha fábrica de xabón, teme a notificación do Goberno para engrosar as filas do exército.

Ao tempo, en Bruxelas, días antes do atentado terrorista de Zaventem, Alicia topa indicios desacougantes que a fan temer pola vida da súa parella.

Tecida a partir destas historias, O paraíso dos inocentes é unha viaxe á cerna da destrución provocada polo conflito sirio e á traxedia dos refuxiados, ao tempo que un canto emocionado á solidariedade, á esperanza e á liberdade.

Pola súa banda, Alonso baséase no famoso crime acontecido en Nigrán en xaneiro de 1994, para reconstruír con pericia os acontecementos durante os que dous policías asasinaron catro persoas da familia dun coñecido empresario do granito no seu chalé tras un intento de extorsión.

Fronte ao concepto de novela de non ficción, tan vencellada ao escritor Truman Capote en A sangue frío, Alonso aposta aquí pola ficción, iso si, elaborada a partir dun enorme traballo de documentación xornalística. Granito conta o salto ao baleiro de dous seres que xa levaban o fracaso marcado nas costas, nunha acción completamente improvisada.

Comentarios