CARA AO DÍA AS LETRAS GALEGAS

Galaxia rompe o xeo e publica Filgueira Valverde

A poucos días de rematar o mes de marzo, Galaxia rompe o xeo arredor da figura de Filgueira, a quen a RAG lle dedica o Día das Letras Galegas, e faino ao grande: cunha das súas bibliotecas de autor. 

Filgueira Valverde
photo_camera Filgueira Valverde

Quintana viva é o primeiro títulos da Biblioteca Filgueira Valverde que a Editorial Galaxia inaugura neste fin de marzo, a mes e medio do día grande das Letras Galegas que a Real Academia Galega decidiu dedicar este ano a Xosé Filgueira Valverde. O libro de relatos de Filgueira Valverde é o primeiro que se publica do autor neste 2015, cun sensíbel retraso con respecto autores e autoras de anos anteriores. O resto das editoriais aínda non fan constar nas súas novidades ou apartados de próximas aparicións os títulos que lle dedicarán ao homenaxeado pola RAG o que fai adiviñar un recorte substancial da produción editorial relacionada co Día das Letras Galegas, relacionado tamén co pouco movemento que se está a producir nos centros de ensino, en especial, nos de secundaria. O nomeamento de Xosé Filgueira Valverde para a homenaxe deste ano do 17 de maio nacera con polémica con moitas voces que se pronunciaron contra a conveniencia de recoñecer unha figura claramente vinculada co franquismo e o seu aparato represivo. Asociacións culturais, de ensinantes e de recuperación da memoria fixeron notar a súa oposición á decisión tomada pola maioría de académicos e académicas. 

Biblioteca de autor 

A Editorial Galaxia anuncia, pola contra, o inicio da Biblioteca Filgueira Valverde coa publicación do libro de relatos Quintana viva. As bibliotecas de autor son coleccións dedicadas pola editorial dirixida por Vítor F. Freixanes aos grandes nomes da literatura galega como Otero Pedrayo ou Blanco Amor, autores dos que maiormente ten dereitos a histórica editorial galega. O escritor e tamén académico Xosé Neira Vilas é o único vivo ao que se lle dedica unha biblioteca de autor. 

Quintana viva aparece neste 2015 como terceira edición da obra que viu a luz en 1971 e da que se tirou unha segunda edición en 1990. A nova edición publícase sen ningún estudo introdutorio nin texto de acompañamento e anuncia no índice a próxima publicación de Adral e Segundo Adral. O presidente da Academia Galega, Xesús Alonso Montero anunciou tamén un libro sobre Filgueira da súa autoría. 

Comentarios