Galaxia publica a poesía completa de Isidro Novo, impulsor de "Palabras con memoria"

A editorial Galaxia publica "Poesía galega reunida (1991-2017)" onde recolle toda a poesía do escritor lucense Isidro Novo, antigo colaborador do Sermos Galiza coa súa sección 'Palabras con memoria'. 
Isidro Novo
photo_camera O escritor Isidro Novo. (Foto: cedida).

A editorial Galaxia vén de tirar do prelo unha antoloxía na que reúne a poesía de Isidro Novo (Lugo, 1951-2018). Poesía galega reunida (1991-2017), dentro da colección Letras Galegas Clásicos, acolle a produción poética completa do lucense, incluíndo os títulos Dende unha nada núa, Esteiro de noites falecidas e CO2 e tamén a poesía espallada en revistas, libros colectivos ou poemarios inéditos como Sinopse (Romance do presaxio), Sonetario impertinente (Sen ramal) e De tanto amar a Dores

“Arriscado, outsider e ás veces esquecido no relato oficial; Novo acadou unha audacia poética que merecía unha antoloxía”, defenden desde a editorial.

Galaxia contou co apoio da Área de Cultura, Turismo e Produción da Lingua do Concello de Lugo para recoñecer a obra poética “dun home que amaba profundamente a lingua”.

Na introdución da antoloxía, J.L. Calvo Vidal e Yago Rodríguez indican que “malia comezar como poeta en castelán, axiña retornou á lareira lingüística do galego, para camiñar ergueito e con voz única polas súas feraces corredoiras, para ollar os solpores vermellos entre os piñeiros e os dez ollos da pedra romana, para habitar a brétema e as ribeiras do río e cantarlle ao noso mar, pero tamén para falar dos asuntos máis contemporáneos. Chegou a ser coñecido como o xograr da gravidade, xa que entendía o invisible, o divino e o dolorosamente humano”.

Máis de 1.200 palabras para non ser esquecidas

Con base no amor que tiña pola lingua, Isidro Novo promoveu desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), na que foi parte do consello directivo durante os seus últimos dez anos de vida, a sección “Palabras con memoria”. Esta iniciativa, que segue viva grazas á AELG, recolle palabras que non se atopan en ningún dicionario galego e que están en perigo de extinción. 

A mediados de abril do ano 2015 o Sermos Galiza estreaba a publicación desta sección que o lucense coordinou durante case tres anos. Por aquel momento, Novo recollera máis de 1.200 palabras en desuso. Actualmente, a sección da AELG conta cun total de 1.886 termos.  

Isidro Xoán Froilán López Novo lucense faleceu o 1 de febreiro de 2018 aos 66 anos.

Comentarios