Galaxia convoca o Illa Nova de Narrativa

O premio naceu coa meta de promover a creación literaria entre as e os menores de 35 anos na Galiza.
Lara Dopazo foi a gañadora da última edición. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Lara Dopazo foi a gañadora da última edición. (Foto: Nós Diario)

A Editorial Galaxia vén de convocar unha nova edición do Premio Illa Nova de Narrativa que este ano fará cinco anos no panorama galego. A este galardón, cuxa orixe está vinculada a “estimular a creación” de obras na Galiza, poderán presentarse todas as persoas menores de 35 anos que así o desexen, mais o requisito é que os orixinais estean escritos en galego

Fontes da editorial lembran que este recoñecemento naceu para fornecer literatura escrita por menores de 35 anos e que parte daquela colección Illa Nova que saíu do prelo en 1957 e que incluíu volumes dunha nova xeración na que se atopaban María Xosé Queizán, Carlos Casares, Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, Camilo Gonsar ou Bernardino Graña, entre outros. É dicir, foi onde se expresaron as escritoras que deron luz á “Nova Narrativa Galega”.

Até o 1 de abril

As e os interesados deben achegar pezas orixinais e inéditas. A extensión mínima é de 80 páxinas -tamaño DIN A-4, en tipo de letra Times New Roman e corpo 12- a dobre espazo e por unha soa cara. As pezas se enviarán, con lema e pseudónimo, e outro sobre no interior dese cos datos (incluída fotocopia do DNI), ao enderezo Avenida de Madrid, 44, baixo, 36204 de Vigo. Indicarase que van dirixinas ao “Premio Illa Nova de Narrativa”.

O prazo de recepción remata o próximo 1 de abril. A escritora ou escritor do libro gañador recibirá 3.000 euros e verá publicada a súa obra por Galaxia.

A decisión do xurado coñecerase nun acto que terá lugar en maio en Vigo se as condicións sanitarias o permiten. As gañadoras das catro edicións previas foron Vanesa Santiago, con A vida sinxela de Marcelo Firmamento e unha reinterpretación das historias de viaxes, e Antía Yáñez, que deu visibilidade á violencia machista en Senlleiras.

Na terceira edición Abel Tomé logrou estar por enriba das obras competidoras con A noite do lobo, “na que nada sobra e coa que logra construír imaxes contundentes”.

A última premiada foi Lara Dopazo por O axolote e outros contos de bestas e auga. O xurado elixiu a candidatura por integrar “un conxunto de relatos orixinais, diversos e de grande altura estética”.

Comentarios