Os galardóns Dieste, Ksado, Díaz Pardo, Castelao e Lupa premiarán a creación

Os novos premios da Deputación da Coruña súmanse ao Rosalía de Castro de lingua.
O titular de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto (Foto: Deputación da Coruña).
photo_camera O titular de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto (Foto: Deputación da Coruña).

A área de Cultura da Deputación da Coruña vai completando o calendario de convocatorias dos seus premios culturais coa publicación onte no Boletín Oficial da Provincia (BOP) dos prazos dos premios Luís Ksado de creación fotográfica, Isaac Díaz Pardo de arte, Castelao de banda deseñada, Rafael Dieste de textos teatrais e Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil.

Desta maneira, neste momento hai abertas nove convocatorias, posto que a comezos desta semana publicáronse os prazos dos premios Torrente Ballester de narrativa, Manuel Murguía de ensaio e Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero; e desde finais do pasado ano permanece aberto o prazo do concurso 'Quero cantar' de música infantil e xuvenil. 

O calendario completarase coa convocatoria, en vindeiras semanas, do Andrés Núñez de arte gráfica e dous premios máis de música: o Andrés Gaos de composición musical e o Fran Pérez 'Narf' para artistas e grupos musicais.  

Lingua

Pola súa parte, a área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña convocou antonte o premio Rosalía de Castro de lingua.

O certame chega á súa décimo cuarta edición para seguir recoñecendo iniciativas, traballos recentes, traxectorias de persoas, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do patrimonio lingüístico galego de toda a Galiza.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 28 de abril e o certame outorgará 15.000 euros en premios, divididos en tres categorías. 

O concurso premia a persoa e a entidade que máis destaquen na promoción da lingua galega e o proxecto concreto de dinamización lingüística, atendendo espazos emerxentes de uso da lingua.

Comentarios