A sexta edición dos premios do libro galego púxese estes días en marcha coa estrea dun novo nome, “ligado ao nacemento mesmo do libro na Galiza”, polo que agora a Gala do Libro pasa a denominarse Premios Follas Novas do Libro Galego, en homenaxe á grande obra de Rosalía de Castro.
Así o anunciaron as tres asociacións que convocan os galardóns, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías da Galiza (FLG).
Esta edición, que culminará o 15 de maio cunha gala no Teatro Principal de Compostela, vai estar marcada, igual que a de 2020, pola situación sanitaria provocada pola Covid-19 e, polo tanto, “todos o procesos de elección dos premios serán virtuais, incluíndo a gala que, só en caso de melloría manifesta da situación na Galiza, podería decorrer de modo presencial”, comunican as organizadoras.
Os premios Follas Novas do Libro Galego queren por en valor as actividades relacionas co mundo libro n Galiza, desde a creación até a edición e as distintas iniciativas arredor do libro.
“Esta edición terá como protagonistas a autores e autoras, títulos e iniciativas desenvolvidas durante 2020, un ano especialmente difícil para todo o sector”, explican.
Os premios manterán o número de categorías e o sistema de elección, cunha primeira fase na que cada asociación escollerá as súas candidaturas e, a partir de aí, un xurado designado polas convocantes escollerá os premiados en cada unha das categorías.
En total, son 15 as modalidades que se escollen e que se galardoarán en maio, cando tamén se fará entrega dos tres premios honoríficos: á libraría, á edición e á escritora ou escritor galego universal, premio que en 2020 recaeu na autora vasca Mariasun Landa.