Unha Gala do Libro Galego moi igualada

A segunda edición da Gala do Libro Galego foi máis equilibrada nos premios e confirmou que a concentración parcelaria nos premios do sector do libro era máis que necesaria. 

gala libro galego 1
photo_camera Gañadoras e gañadores da II Gala do Libro Galego

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras e da Federación de Librarías de Galicia volveron xuntarse para convocar os Premios da II Gala do Libro Galego 2017, que foron entregados o pasado sábado no Teatro Principal de Santiago para "recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2016 en Galiza". Poden ver a gala completa neste vídeo en Youtube

Na categoría de narrativa o gañador foi Xosé Monteagudo coa novela 'Todo canto fomos' (Galaxia), "unha gran novela con pouco recoñecemento", segundo o xurado, que lle recoñeceu a súa calidade e ambición  á hora de reflectir a realidade dunha época. 

En poesía Antía Otero acadou o galardón coa obra 'O cuarto das abellas' (Xerais), da que se destacou que "crea un mundo propio a través das imaxes", "un diálogo coa literatura que conmove o lectorado". 

No apartado de ensaio, o premio rematou nas costas de Mercedes Queixas e o seu 'Labrego con algo de poeta: biografía de Manuel María' (Galaxia), definida polo xurado como unha obra "moi pedagóxica, de fácil lectura e moi divulgativa, con funcionamento moi exitoso nas librarías". 

O colaborador do Sermos Henrique Harguindey resultou gañador na categoría de tradución grazas á obra 'Historia do nobre Ponto, que foi rei de Galiza e de Bretaña', publicado pola editorial especializada Rinoceronte. Nesta ocasión o xurado valorou "a dificultade técnica de imitar o estilo doutra época e valora positivamente a idoneidade e necesidade a escolla esta obra para a tradución ao galego". 

En literatura infantil e xuvenil a gañadora foi Ledicia Costas, unha das máis exitosas narradoras neste eido, que xa ten acadado outros múltiples galardóns. Desta volta a obra recoñecida foi 'Jules Verne e a vida das mulleres planta' (Xerais), na que o xurado estimou "o proceso de transformación moi imaxinativo empregando o recurso da muller planta, a partir do que se teceu unha historia moi imaxinativa e plástica, que permite unha lectura moi visual".

En libro ilustrado volveu gañar unha das editoriais especializadas, Kalandraka, co libro 'Canta connosco', de Óscar Villán, "pola súa fluidez e narrativa" e pola "súa plástica orixinal, que escapa da redundancia co texto, achegando un significado propio co seu deseño".

E, finalmente, en teatro a obra recoñecida foi 'Moito Morro Corporation. Sociedade Limitada' (Galaxia),  de Carlos Labraña, a quen se lle recoñeceu "o feito de ser capaces de introducir nunha obra unha cuestión de actualidade". O xurado tamén salientou o feito de que sexa un libro orientado a un público que non soe consumir este xénero, "polo que se valora a necesidade de darlle valor ao teatro infantil".

Iniciativas recoñecidas

Alén das obras premiadas, nesta Gala galardoáronse varias iniciativas no mundo do libro, como a plataforma de crítica literaria feminista A Sega como mellor proxecto literario na rede, de quen se gabou a "capacidade de artellar a varias mulleres facendo crítica, resaltando a vertente feminista da plataforma".

En canto á iniciativa bibliográfica, a gañadora resultou o proxecto "Aula sen paredes" de Rosalía Fernández Rial e Edicións Positivas, onde o xurado valorou "a metodoloxía empregada e a introdución de linguaxe non verbal" nun dos "poucos traballos de didáctica probada en galego".

O ciclo "Vermú entre libros" da pontevedresa Libraría Paz levou o galardón á mellor iniciativa cultural ou de fomento da lectura, da que se destacou o seu "esforzo e reducido orzamento" alén da súa "aposta por un modelo empresarial moi axeitado para dinamizar o mundo da libraría". 

En xornalismo cultural, premio que acadou na pasada edición Sermos Galiza, o gañador foi o programa da TVG Zig-zag Diario "pola constancia da atención ao xornalismo cultural, sustentada na necesidade de espazos culturais dentro da televisión pública". 

Premios honoríficos

Ademais, entregáronse os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes. A Federación de Librarías de Galicia outorgoullo á Libraría Platero, de Ourense; a Asociación de Galega de Editoras premiou e recoñeceu a traxectoria como editor de Ánxel Casal, e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega concedeu o galardón Escritora Galega Universal á autora portuguesa Hélia Correia.

Comentarios