AGG dá conta da precariedade derivada das restricións da Covid-19

Gaiteiras Galegas denuncia que o Plan da danza da Agadic exclúe o tradicional

A Asociación de Gaiteiras Galegas (AGG) presenta unha emenda ao Plan Integral da Danza proposto por Agadic (Axencia Galega de Industrias Culturais), no que non se contou coa participación de ningunha persoas representante do sector do baile tradicional. 
110645784_1800708910067010_396226756352700001_o
photo_camera Ultreia na xornada de folclore de 2020 na praza da Quintana. (Foto: Nós Diario)

O pasado 1 de marzo a Agadic (Axencia Galega de Industrias Culturais) abría á participación cidadá o Plan integral para a danza (PID) co obxectivo de dar resposta á “necesidade de redefinir e revisar os alicerces, intereses e necesidades” que permitan potenciar e manter “o papel protagonista da danza entre a cidadanía”. 

Mais entre as persoas que integraban o grupo de traballo coordinador de dito plan, alén de representantes de teatros e salas e entidades de danza contemporánea, non se atopaba ningunha representación do baile tradicional. En resposta, a Asociación de Gaiterxs Galegxs (AGG) fíxolle chegar á Agadic unha emenda na que se facía notar este feito e que posteriormente compartiron con Nós Diario. 

"Enviamos a emenda a través dos pasos a seguir que había na web en relación ao achegamento de propostas e respondéronnos que o terán en conta para vindeiras mesas de traballo", conta Gustavo Couto, vogal da AAG.

"Diso extraemos que o equipo de traballo de agora está fechado", explica quen tamén é mestre do Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia, para engadir, que a pesar de valorar positivamente a iniciativa do PID, "non nos colle na cabeza como é posíbel que non se contemple un representante do baile tradicional, coa forza que ten no noso país, parécenos unha falla de sensibilidade".

"E demos outro paso, que foi o de ofrecernos como asesoramento por se queren incluír danza tradicional, non para ir nós, senón para indicarlles a quen se poderían dirixir", engade Gustavo Couto.

Asociacionismo e escola

Agadic mantén un programa, "Danza 3", no que tres formacións presentan os seus proxectos e desenvolven actuacións co apoio da Administración “pero para o resto de formacións non hai nada”, denuncia Couto, “escúdanse nas “industrias culturais” e a maior parte dos grupos de tradicional son asociacións, pero seguro que habería fórmulas para programar danza tradicional unha vez ao ano”, di. 

O vogal da AGG explica que nas asociacións hai profesionais autónomos que se dedican tamén a formar bailadores e bailadoras. “Estamos a ter moitos problemas polo tema dos grupos reducidos (por mor da Covid-19), que se entende, pero é unha dificultade; igual que no relativo á cesión dos espazos para ensaiar, porque estando ao mesmo nivel hai concellos que che deixan usar os seus locais para ensaiar e outros non. É unha situación moi precaria”, conta o membro de Ultreia.

Comentarios