Os gaiteiros do mar e unhas xornadas ao seu redor

A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza na Coruña esta sábado as primeiras xornadas culturais sobre “A gaita no mar”, o fenómeno dos gaiteiros do mar que deu a coñecer Xurxo Souto no seu libro 'Contos do mar de Irlanda'.

CARA TERRANOVA, JOSÉ CORNIDE, 1975
photo_camera Lito de Pinténs, e compaña, a bordo do Eduardo Chao (da Pebsa da Coruña) camiño de Terranova

Xurxo Souto é un especialista en sacar á luz historias que deberan ser coñecidas. “Moito antes de que Manu Chao inventase a música mestiza, a gaita galega xa soou, e triunfou, en Namibia, Capetón, Irlanda ou Terranova. En case todos os portos do país houbo -e hai- mariñeiros gaiteiros que levaron a canda eles o seu instrumento polos mares do mundo”, reivindica o músico, escritor, activista e o que lle boten.

cartaz_gaitaMar_web

Esta I Xornada da Gaita no Mar terá lugar o sábado 3 de decembro a partir das 17.30 horas no Club do Mar de San Amaro (A Coruña), que o propio Souto principiará cun relatorio sobre “Os Gaiteiros do Mar” e continuará coa proxección do documental 'Dos gaiteiros do mar', codirixido por el mesmo canda Marín Rodas e producido por Borneira Audiovisual, que recupera a memoria dos mariñeiros-gaiteiros que se embarcaron nos anos 60 e 70 con destino ao Gran Sol, a Terranova ou a Namibia. 

Xurxo Souto: “Moito antes de que Manu Chao inventase a música mestiza, a gaita galega xa soou, e triunfou, en Namibia, Capetón, Irlanda ou Terranova"

Para rematar, actuará o grupo “Os Gaiteiros do Mar” formado por Manolo de Donón e Lito de Pinténs (gaitas), Feliciano de Donón (tamboril), Manuel Martínez Santomé (bombo) e o Peix de Aldán (percusións). 

E, o mais importante, como sinala Souto, é que “contaremos coa presenza (e a coa música) dos seus protagonistas”. Desde o Morrazo: Lito de Pinténs, Manoliño e Feliciano de Donón, Manuel Martínez Santomé e o Peix de Aldán, todos eles mariñeiros gaiteiros que no ano 1973 mesmo chegaron a gravar un LP (en cinta casete) a bordo do Ría de Aldán, enriba das propias augas do Gran Sol.

“Foron quen de levar a música tradicional galega polo mundo adiante a través do mar, sobre os barcos, entre as redes, aos portos doutras latitudes"

Tal e como explican desde a Asociación de Gaiteiros, “coma en todos os gremios, no dos mariñeiros tamén había gaiteiros, moi ben considerados polo resto dos seus compañeiros, pois entre a súa equipaxe sempre viaxaba unha gaita”. Segundo eles, estes mariñeiros gaiteiros non só conseguían que os seus compañeiros e eles mesmos disfrutasen da nosa música, senón que “foron quen de levar a música tradicional galega polo mundo adiante a través do mar, sobre os barcos, entre as redes, aos portos doutras latitudes. Foron estas xentes do mar os que ao cabo dos séculos foron deixando por todo o mundo, pegadas do noso devir, da nosa fala, da nosa cultura e por suposto, da nosa música.”