O “Gaiteiro de Lugo” homenaxea a Díaz Castro

O calendario “O Gaiteiro de Lugo” sae de novo á rúa cunha homenaxe ao poeta Xosé Díaz Castro, a quen este ano que recolle as súas páxinas se lle dedica o Día das Letras Galegas. O calendario agrícola que naceu en 1857 continúa a súa andaina da man de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo. 

Díaz Castro
photo_camera Díaz Castro

O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro xunto co coordinador da Asociación Xermolos, Alfonso Blanco e o responsábel de publicacións Xoán Ramiro Cuba, presentaron unha nova edición do almanaque “O Gaiteiro de Lugo” que desta volta homenaxea a Xosé Díaz Castro a través dos textos literarios da publicación. 

O calendario agrícola contempla información sobre mareas, lúas, feiras, santoral, refráns, adiviñas e  indicacións para tarefas agrícolas combinado con textos literarios do país. 

“Estamos ante unha das publicacións que mellor reflexa a historia do país e da nosa lingua. A pesar da súa longa historia, non sería até 1927 cando se produciría a galeguización máis intensa desta publicación”, sinalou Mario Outeiro que definiu a publicación como a máis antiga de Galiza, nacida grazas, segundo destacou, ao esforzo do impresor Manuel Soto Freire e a colaboración de representantes da cultura galega entre os que destacou á propia Rosalía de Castro. 

A historia da publicación sofre unha paréntese en 1974 cando deixa de saír á rúa para regresar no 1997 da man da propia Deputación de Lugo que leva xa dezasete números encargándose da súa edición. 

O almanaque deste ano sae cunha primeira tiraxe de 2.000 exemplares que se distribuirán en librarías de Lugo e noutros puntos do país alén de repartirse en actividades culturais programadas pola Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz, concello que será centro das celebracións deste ano arredor do Día das Letras Galegas.

Comentarios