A gaiteira Cristina Pato ocupará unha cátedra na Universidade de Nova York

Cristina Pato (Ourense, 1980) é gaiteira, pianista e docente. E o vindeiro curso académico, o 2019-2020, ocupará a cátedra Juan Carlos I de Cultura e Civilización Española da Universidade de Nova York. Trátase da primeira vez que o fai unha música.

critina pato
photo_camera A gaiteira, pianista e docente Cristina Pato. Foto: Xan Padrón.

En anos anteriores sentaron á fronte da institución escritores como Juan Goytisolo, Francisco Ayala ou Antonio Muñoz Molina. Tamén hispanistas como John Elliott ou Raymond Carr. A actividade de Pato na academia estadounidense consistirá en “conferencias e eventos públicos”, ademais de nunha clase sobre “as músicas invisíbeis do norte de España” en que inclúe a galega, a vasca ou a sefardí.

Nos últimos tempos, a artista ourensá investiga as conexións entre música e neurociencia, a memoria cultural ou a situación das linguas minorizadas no Estado español. Todas estas materias tamén serán obxecto de charlas e aulas.

Pato foi escollida por un comité de profesores de Estudos Hispánicos da mencionada universidade. Creada en 1983, a cátedra Juan Carlos I procura “incorporar eminentes persoeiros que desenvolven un programa académico ao longo dun ano sobre diferentes materias” arredor do Estado español “para ofrecer unha formación complementaria á impartida na propia universidade”. 

Comentarios