'Novo paradigma', primeiro tema da banda

Gabri Fuentes (Acouga): "Tentamos facer música en galego sen ter que falar necesariamente do propio idioma"

Unha fusión de rock, metal, pop e hardcore nunha mestura enerxética. Son as liñas que segue a proposta do grupo Acouga, integrado por Carlos de Castro (guitarra e voz), Gabri Fuentes (voz), Luís González (baixo) e David Martínez (batería). Chegados desde Pazos de Borbén, a banda presentou recentemente o seu primeiro tema, Novo paradigma. 'Nós Diario' conversa con Gabri Fuentes, vocalista do grupo.
Gabri Fuentes, vocalista de Acouga, durante o proceso de gravación (Foto: Cedida).
photo_camera Gabri Fuentes, vocalista de Acouga, durante o proceso de gravación (Foto: Cedida).

—Que acollida tivo esta primeira canción?

Foi unha acollida humilde. É a primeira canción que sacamos e non temos moitos medios connosco, pero aínda así foi bastante boa. Tivo moi bo feedback tanto no privado como no público. Compartírona grupos que son referentes para nós, como Machina, Broa ou Arrhythmia e nese sentido estamos moi contentos. É un primeiro paso que tiñamos moitas ganas de dar nos últimos anos.

Este primeiro tema saíu un día dunha idea coa guitarra e dunha canción que xa tiña escrita, coa intención de contar a frustración que estabamos experimentando os meus compañeiros, amigos e eu a nivel vital. Mostrar esa idea de non atopar traballo, de incerteza e desa frustración xeracional, tentar trasladar estas cuestións ao terreo da música. Chamámoslle Novo paradigma porque semella que é así, aínda que realmente é o de sempre.

A nivel musical fan unha mestura de diversos estilos.

Carlos, David e eu somos da mesma aldea, criámonos xuntos e escoitamos música semellante, xa que somos amigos e ímola compartindo. Escoitamos de todo, desde black metal até cumbia, pasando por Bruno Mars e demais. No grupo, o que máis sae é rock, pop, metal... Todas as cancións teñen unha sonoridade semellante, algunhas partes achéganse máis ao punk, outras ao metal, as melodías e as voces seguen moi de perto ao pop...

A idea é facer o que nos gusta. Se nunha canción nos apetece pór so unha vez o retrouso ou, como ocorre en Novo Paradigma, sacar o retrouso no minuto un e a segunda vez no minuto tres, facémolo. Deixámonos levar e gústanos desfrutar do proceso. É unha escusa para poder evadirnos e ter un sitio para nós, un espazo de liberdade que temos para poder facer cousas.

—Como nace a banda?

O grupo xorde dun desexo que xa tiñamos desde pequenos. Con quince anos era o noso soño e finalmente acabou saíndo. Houbo outras aventuras polo medio, pero decidimos que tiñamos que facer o que nos gustase e na nosa lingua. Tentamos facer música en galego sen ter que falar necesariamente do propio idioma, sen ter unha reivindicación explícita, senón cunha normalización implícita.

—Que intencións teñen en mente para o futuro?

Sacaremos outra canción en breve, que tamén fala do mesmo pero cun carácter máis individual e centrada nos cambios que experimentamos como xeración, contando tamén cunha ollada optimista. Logo, temos pensado ir presentando temas nos próximos meses e gravar antes de verán unha ou dúas cancións máis. Así mesmo, tamén estamos vendo se podemos organizar algún concerto agora para marzo ou abril, botar a andar xa.

—O grupo sae á luz nun contexto no que o panorama musical galego vive un certo auxe.

Creo que cada vez está máis aberto, non só polo feito de ter máis variedade, senón tamén no que se refire ao consumo en galego. Os éxitos que se están dando con Grande Amore, Ortiga, Arrhythmia ou Nao, por exemplo, foron un crescendo constante que dá conta de que o panorama musical galego ten moito que ofrecer e de moita calidade. Nós acabamos de comezar, pero ver que á xente que está facendo cousas na Galiza lle vai ben e que cada vez hai máis pluralidade deixa ver que hai un auxe.

Tamén hai máis tolerancia. Existe ese labor común de construír no noso idioma e, aínda que non está todo por facer, está "de moda" e hai máis compromiso entre os grupos, que mesmo por estilos non teñen que ver uns cos outros. É dicir, danse unha especie de veas comunicantes entre os estilos, xa que ao estar todos a unha, confírese un panorama musical galego moi san. Se algún día nós podemos participar diso sería incríbel.

Comentarios