Fuxan prepara novo disco e adianta un tema de Manuel María

A mítica formación está a piques de sacar novo disco e vén de lanzar un 'single' dedicado a Manuel María: Galicia se titula e está musicado por Suso Vaamonde. 

fuxan
photo_camera Fuxan os Ventos no concerto no que gravaron o seu último disco, 'Terra de soños'

Fuxan os Ventos está a ultimar os detalles dun novo disco con temas novos que sairá nos vindeiros meses. E neste maio das Letras agasállannos cun single co tema 'Galicia' con letra de Manuel María, música de Suso Vaamonde e arranxos de Xoán L.F. Saavedra.

Este novo traballo, que aínda non ten nome, leva gravado desde hai dous anos, segundo declarou Tereixa Novo a Sermos, pero non puido saír por “diferentes circunstancias”. Este ano sairá "por fin" e "incluirá 13 cancións novas: “Algunhas que levan tempo no noso repertorio, pero non tiñamos gravadas, outras tradicionais e outras de composición propia”.

Reedición de 'Terra de soños'

Este vindeiro disco será o cuarto que edita esta formación logo do seu regreso a finais de século, cando publicaron Sempre e máis despois (1999), Na memoria dos tempos (2002) e Terra de soños (2009). Precisamente este último, que era unha gravación en directo, vén de ser reeditado por Fol Música en formato grande de libro, con 84 páxinas a cor e tapa dura. Está á venda desde onte 6 de maio. 
 

Comentarios