O fundador de Pink Floyd Roger Waters chama a “parar o golpe de Trump en Venezuela”

É un músico capaz de encher estadios para escoitar a súa reconstrución de The Wall, o mítico dobre disco de Pink Floyd. Roger Waters (Surrey, 1943), baixista e compositor, un dos fundadores da lendaria banda psicodélica devida en sinfónica, chamou esta segunda feira a “parar o golpe de Trump en Venezuela”.
 

roger waters 2
photo_camera Chío de Roger Waters, fundador de Pink Floyd, en solidariedade co Goberno de Venezuela.

Desde a súa conta de Twitter, que seguen 270.000 persoas, difundiu a convocatoria dunha “manifestación de emerxencia” en Nova York con xustamente esa palabra de orde: “Paremos o golpe de Trump en Venezuela”. O chío foi replicado máis de 11.000 veces e contou con 16.000 interaccións.

roger waters 3

Waters engadiu ademais unha nota propia en voz alta: “Esta protesta é hoxe!!!! Paremos a última loucura do Goberno dos Estados Unidos. Deixen o pobo venezolano en paz. Eles teñen unha democracia real. Paren a súa destrución unicamente para que o 1% se apropie do seu petróleo. Mans ianquis fóra de Venezuela”.

O ex baixista de Pink Floyd -abandonou a banda en 1985 malia ser o letrista e, dalgún xeito, o líder conceptual do proxecto- significouse politicamente en numerosas ocasións. É un activista militante da causa palestina, e as súas críticas á dereita e á extrema dereita son habituais. Nun recente concerto en São Paulo advertía, en referencia a Jair Bolsonaro, de que “o neofascismo está a ascender”.

Nota: foto de Roger Waters durante unha actuación en 2008. Imaxe: cedida.

Comentarios