A Fundaçom Artábria abandona a comisión que reclama o Día das Letras para Carvalho Calero

Desde os anos noventa, a Fundaçom Artábria reivindica o recoñecemento nacional para Carvalho Calero mais, malia iso, vén de anunciar que abandona a Comisión Cidadá que solicita o Día das Letras galegas para o intelectual nacido en Ferrol. A presenza da voceira do PP local no acto de homenaxe é o detonante da decisión. 

Detalle do cartaz de Artábria para a homenaxe a Carvalho
photo_camera Detalle do cartaz de Artábria para a homenaxe a Carvalho

Despois da celebración da homenaxe que a Comisión Cidadá que solicita o Día das Letras Galegas para Ricardo Carvalho Calero lle tributou no aniversario da súa morte diante da súa casa natal, a Fundaçom Artábria decidiu facer público o seu abandono do colectivo. Explican a razón da súa desvinculación da iniciativa pola presenza de Martina Aneiros, portavoz do PP, na homenaxe xa que , como advertiran, non ían consentir a participación de “responsáveis do estado ruinoso da casa natal de Carvalho, um governo que, reiteradamente, incumpre a Ordenança de Normalizaçom Lingüística apoiada unanimemente já em 1997”. 

A Fundaçom Artábria leva desde os anos noventa reivindicando o recoñecemento nacional da figura de Carvalho Calero e impulsou varias iniciativas encamiñadas a demandar o Día das Letras Galegas para o intelectual nacido en Ferrol, en especial nos anos 2009 e 2010. Mostran o seu malestar por non ter a Comisión contado con Artábria desde o inicio mais, mesmo así, decidiron a súa integración “para que a escolha lingüística de Carvalho, principal aresta para o isolacionismo que dirige a RAG, nom fosse umha questom secundária na reivindicaçom do Dia das Letras para o professor Carvalho Calero”. 

"Doença do sectarismo"

Na súa participación na Comisión, Artábria asegura que xa manifestou a vontade de abandonar o colectivo “no caso de qualquer membro do governo municipal de Ferrol participar nos atos organizados por esta”., o que finalmente foi a razón do desligamento que agora confirman. 

Artábria cualifica de “doença do sectarismo” as razóns que impiden á RAG homenaxealo e súmase ás voces do reintegracionismo que “afirmam que Carvalho Calero nom precisa do reconhecimento dessas pessoas, cuja altura inteletual e compromisso ficam muito aquém do que caraterizou a vida do velho professor, o coerente inteletual ferrolano, galego e universal”. Animan, con insistencia, a reivindicar a súa figura e difundir a súa obra “para além de que finalmente a Real Academia Galega lhe dedique ou nom o Dia das Letras de 2015”. 

Como cada ano, a Fundaçom Artábria lembrará tamén ao profesor Carvalho Calero no aniversario do seu pasamento, desta volva, cun acto que terá lugar o domingo 30 de marzo ás 17 horas no barrio de Ferrol Vello, ao pé da súa casa natal na rúa de San Francisco 51. 
A poesía virá da man de Antia Cortiças, Teresa Moure, Miguel Vento de Trasancos e Elia Rico e a música chegará de Loureda, con  Alberto Pombo e Diego Bernal, que porán música ao poema "Todo termina mal". En representación de Artábria, Vítor Santalha pechará o acto de conmemoración da figura de Carvalho Calero.

Comentarios