Animan a sumarse ao cancelo #DiadeRosalia

A Fundación Rosalía convida a celebrar a poeta nas redes

A Fundación Rosalía de Castro, que desde hai unha década conmemora o Día de Rosalía, cada 24 de febreiro, con multitude de actos conmemorativos do nacemento da poeta e da súa importancia para a nosa cultura vese na obriga, este 2021, de restrinxir os eventos acorde ás medidas sanitarias para evitar a propagación da Covid-19. 
compos8
photo_camera Ofrenda a Rosalía o 24 de febreiro de 2020 en Compostela. (Foto: Nós Diario)

O vindeiro día 24 de febreiro as actividades da Fundación Rosalía de Castro reduciranse a aqueles actos institucionais, non destinados ao público xeral, ou aqueles outros aos que se convida a participar a través das redes sociais.

Así as cousas ás s 9.30 horas do día 24, no Parlamento levarase a cabo un acto de plantación dunha filla da Figueira da casa de Rosalía. Ás 11.30 terá lugar outro acto de carácter institucional no que se levará a cabo unha ofrenda floral no lugar no que naceu Rosalía, na praza de Vigo. 

Canto a aqueles eventos destinados a escolares e ao público xeral, que noutros anos podían decorrer na propia casa de Rosalía ou en Compostela, desta volta tiveron que mudar para que todo o mundo poida participar a través das redes sociais.

Así, o xa tradicional Caldo de Gloria segue o lema “Na rede, na túa casa”, e así, desde a web da Fundación darán as indicacións precisas para que cada quen poida facer o seu caldo e compartilo nas redes sociais. 

Tampouco vai faltar a Alborada para Rosalía, que organizan xunto á Asociación Gaiter@s Galeg@s. Cada gaiteira e gaiteiro “tocará desde o lugar no que se atope” e iso subirase logo ás redes sociais.

Desde a fundación tamén animan a conmemorar o Día de Rosalía “se non es de caldo nin de música”, “le a Rosalía, cántaa, lémbraa e cóntallo a todo o mundo nas túas redes sociais co cancelo #DiadeRosalia".

O que Covid non permite

Canda á conmemoración do Día de Rosalía tamén é habitual a publicación dun novo número da Revista de estudos rosalianos Follas Novas, cuxa presentación se cinguirá á prensa. 

“Acaba de saír do prelo o libro Rosalía e a cociña” contan desde a Fundación, unha obra do poeta e gastrónomo Xavier Baixeras. E tamén o disco Rosalía cantada, música clásica interpretada por Eliseu Mera e Cándido Cabaleiro que non se presentará en concerto até que as circunstancias sanitarias o volvan permitir. 

Comentarios