A Fundación Penzol contará cunha mostra de Delgado Gurriarán

A exposición consta de documentación gardada na Casa Galega da Cultura sobre aspectos biográficos, políticos, o seu exilio mexicano e a súa presenza en publicacións.
Florencio Delgado Gurrriarán (Foto: Consello da Cultura Galega).
photo_camera Florencio Delgado Gurrriarán (Foto: Consello da Cultura Galega).

A Casa Galega da Cultura, en Vigo, acollerá do 21 de abril ao 3 de xuño unha mostra sobre Florencio Delgado Gurriarán realizada cunha selección de  fondos bibliográficos e documentais que posúe a Fundación Penzol sobre o escritor valdeorrés protagonista das Letras Galegas este ano. 

A exposición estará formada por varias mesas con diferente material seleccionado polas padroeiras da Fundación Penzol Malós Cabrera e Malores Villanueva, que contaron coa colaboración do persoal técnico da Casa Galega da Cultura, así como de Editorial Galaxia na preparación dalgúns dos materiais gráficos.

Catro mesas temáticas

A exposición consta de catro mesas. Na primeira, dedicada aos aspectos biográficos e á súa obra poética, presenta as primeiras edicións dos seus libros -dos anos 1934, 1963, 1981 e 1986-, material gráfico familiar, correspondencia e orixinais.

A segunda dedícase á súa personalidade política, como republicano e galeguista, presentando documentación gráfica e correspondencia, así como a primeira edición do Cancioneiro da loita galega.

A terceira trata do seu labor como tradutor e as súas colaboracións en dúas iniciativas da cultura galega no exilio mexicano: as revistas Saudade e Vieiros, ademais dos seus textos en prosa e algún exemplo de súa poesía mexicana.

A cuarta mesa estará dedicada ao exilio galego en México, coa presenza de publicacións, material gráfico e correspondencia de relevantes personalidades dese exilio, e unha peaña adicional presentará a edición facsimilar da revista Vieiros.

Alén diso, o día da inauguración poderá obterse o número 25/2 do boletín Novas Penzol, que recolle as referencias relacionadas co homenaxeado.

Comentarios