Durante o mes de decembro pódese visitar no Campus de Elviña da Universidade da Coruña a exposición 'A Xeración Nós e a Galiza do seu tempo'

A Fundación Moncho Reboiras organiza unha exposición sobre a Xeración Nós na UDC

A Fundación Moncho Reboiras, en colaboración coa Deputación da Coruña, inaugurou o pasado martes a exposición 'A Xeración Nós e a Galiza do seu tempo' no Campus de Elviña da Universidade da Coruña. Esta mostra está comisariado polo profesor da UDC e historiador Uxío-Breogán Diéguez Cequiel. Este traballo, que se poderá visitar ao longo de todo o mes de decembro, quere ser un recoñecemento ao labor dos integrantes da Xeración Nós diante do cen aniversario da revista homónima á que deron lugar: Nós. Boletín mensual da cultura galega.
A xeración Nós e a Galiza do seu tempo.
photo_camera A xeración Nós e a Galiza do seu tempo.

A través da mostra percórrese, así mesmo, a evolución da Galiza de finais do século XIX e o inicio do XX, no que se nuclean as relacións persoais e intelectuais da devandita xeración. A través dos paneis obsérvase como se foi artellando o grupo Nós, nutríndose de esforzos previos protagonizados por integrantes doutras xeracións (caso das e dos integrantes do Rexurdimento, inspiradores das xentes de Nós).

Tamén se analiza como os integrantes de Nós participarían de iniciativas coprotagonizadas por outras xeracións, xa no tempo republicano, das que tamén participarían cofundadores de Nós, como Ramón Otero Pedrayo, Daniel R. Castelao, Vicente Risco ou Florentino López Cuevillas.

Igualmente, na exposición preséntanse as ideas-forza que actuaron como común denominador da Xeración Nós, sendo centrais boa parte das súas producións políticas, intelectuais e académicas para comprender a Galiza dos nosos días, facéndose un especial recordo ao Seminario de Estudos Galegos.

Comentarios