A Fundación Moncho Reboiras disponibiliza o documentario “O Rexurdir do nacionalismo galego”

Este traballo audiovisual debulla a historia do movemento nacionalista desde o golpe militar de 1936 até o primeiro intento de organización que xurdiu hai cincuenta anos. 

“O Rexurdir do nacionalismo galego. Do piñeirismo ao Consello da Mocidade”completa a exposición e o libro realizados arredor do cincuenta aniversario da primeira organización do nacionalismo despois do golpe militar, resultado da colaboración da Fundación Moncho Reboiras e o departamento de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo. 

O Consello da Mocidade, composto por mozos nacionalistas co apoio de vellos exiliados, xurde en 1953 con vinculación co Consello de Galiza, o goberno galego no exilio, e con Castelao como referente máximo. Antón Moreda sería o seu presidente, un dos promotores das Mocidades Galeguistas no exilio e que regresara á terra en 1961. O enterro de Antón Moreda é precisamente o arranque do documentario. Con moi pouca duración temporal, o Consello da Mocidade ten sen embargo unha gran importancia no nacemento de novas organizacións políticas e, da súa ruptura nacerán o PSG e UPG. 

O documentario contou co asesoramento histórico de Uxío-Breogán Diéguez e de Xoán Carlos Garrido e mostra un tempo que se inicia co comezo da represión sobre o nacionalismo despois do golpe militar de 1936 cos líderes asasinados ou no exilio. A reconstrución patriótica a través de  institución como a Irmandade Galega ou o Consello de Galiza, con Castelao como referente será outro dos episodios recollidos nun documentario que mostra tamén o galeguismo cultural que afloraría a partir dos anos cincuenta no territorio galego creado arredor de Ramón Piñeiro e que tería como expoñente á editorial Galaxia. 

Comentarios