Cultura

A Fundación Manuel María únese as peticións para alongar o ano Carvalho Calero até 2021

A Fundación Manuel María de Estudos Galegos considera que manter a homenaxe a Carvalho Calero para o Día das Letras de 2021 servirá para "a extensión da cultura galega", o "afianzamento do conxunto do seu tecido cultural" e suporá un "tratamento xusto" para a súa figura.
Carvalho Calero, retrato Seoane
photo_camera Carvalho Calero, retratado por Seoane.

A Fundación Manuel María de Estudos Galegos sumouse esta sexta feira á petición que xa outras entidades teñen realizado diante da Real Academia Galega para que a celebración das Letras Galegas arredor da figura de Carvalho Calero se prolongue ao ano 2021.

"Consideramos que tal medida, sen ocasionar prexuízos a ninguén, resultará beneficiosa para a extensión da cultura galega, o afianzamento do conxunto do seu tecido cultural e suporá un tratamento xusto para a figura de Carvalho Calero", salientan nun comunicado.

A fundación que lembra a figura do escritor lucense solicita que a Academia "teña a ben tomar en consideración esta demanda" que, ao seu entender, "representa o sentir amplamente maioritario do pobo galego"

Neste sentido, explica que "tan só con esta medida" se pode lograr que as diferentes entidades culturais poidan despregar as actividades programadas que non se puideron realizar pola crise do coronavirus. Ademais, entenden que servirá para que as editoriais poidan levar ás librarías, e facer difusión normal, as publicacións xa realizadas ou programadas e para que as compañías de teatro representen as súas obras.

Tamén permitiría, segundo recolle o comunicado, que os medios de comunicación lle dediquen os espazos e a atención habitual ao coñecemento e homenaxe da figura que centra esta celebración e que as propias institucións realicen todos os actos previstos en condicións de normalidade. "En definitiva, só mediante o prolongamento ao ano 2021 da celebración das Letras Galegas arredor da figura de Carvalho Calero se evitará que tal efeméride quede restrinxida a un acto puntual e meramente protocolario", conclúen. 

Comentarios