venres 30/10/20
Arte

A Fundación Luis Seoane inaugura o domingo a exposición 'Escóitasme?'

A mostra é froito dun reto de creación lanzado pola entidade no confinamento, pensado para público infantil e familias.
As Mariscadoras_luis seoane_1969
'As Mariscadoras' (Luis Seoane, 1969).

A Fundación Luís Seoane inaugura mañá a mostra Escóitasme? Unha exposición do Laboratorio Seoane, que reúne as experiencias levadas a cabo dentro do programa didáctico Laboratorio Escóitasme? da propia fundación.

Tratouse dun proxecto online dirixido ao público infantil e ás súas familias que tivo lugar durante o período de confinamento, no que máis de 20 creadoras propuxeron ao longo de 10 semanas un reto relacionado co seu traballo e co universo creativo de Seoane ás persoas participantes.

A inauguración será o domingo ás 12 horas, e contará coa actuación, a partir das 13 horas, de Álvaro Dorda e Pablo Rega. Poderá verse até o vindeiro 21 de marzo de 2021.

Ademais dunha selección de reproducións da obra de Seoane, recóllense os retos e os traballos que se elaboraron a partir destes, xunto cun xornal coas noticias que apareceron nos medios de comunicación durante o tempo de confinamento, e un skyline cos "palabros" -termos ideados polos participantes durante a corentena- que conectan as diferentes seccións da mostra.

Pola súa banda, a Fundación María José Jove colaborará con esta iniciativa incluíndo na súa nova programación de visitas didácticas un percorrido especial sobre a obra de Seoane, que permitirá coñecer tres pezas orixinais do artista pertencentes á súa colección. A visita estará formulada para comezala nunha das fundacións e continuala na outra.

As dúas institucións editarán, ademais, unha guía didáctica sobre as obras de Seoane que se reproducirán na presente exposición. Trátase dunha colaboración que permitirá ás persoas visitantes participar nunha experiencia educativa que dialoga entre os legados e traballos de ambas as entidades.

comentarios