A Fundación Gonzalo López Abente lembra os 50 anos da súa morte

O próximo día 23 de xullo fanse 50 anos da morte do escritor Gonzalo López Abente e a Fundación que leva o seu nome en Muxía lembra a súa figura nunha xornada literaria que terá lugar este sábado día 20 na que se presentará a súa poesía completa e se entregará o premio que leva o seu nome. 

 

López Abente
photo_camera López Abente

O 23 de xullo de 1963 morría o poeta Gonzalo López Abente e cando se cumpren cincuenta anos da data, a Fundación que leva o seu nome promove unha serie de actos que buscan recuperar o lugar da súa obra na nosa historia literaria. O próximo sábado día 20 terán lugar en Muxía os actos centrais da conmemoración, entre eles, a entrega a Daniel Salgado do premio de poesía e a presentación do volume da poesía completa do autor. 

O programa comezará ás 19.45 cunha ofrenda floral no camposanto no que está enterrado para, ás 20.30 no Salón de Actos do Voluntariado comezar o acto central coa actuación das Pandereteiras de Muxía e a presentación do  volume “Poesía Completa de Gonzalo López Abente”. A edición da poesía completa está ao coidado de Miro Villar e o libro publícase en coedición da Fundación coa editorial Espiral Maior.

O acto de presentación contará coa presenza de Felix Porto (Alcalde de Muxía e Presidente da Fundación), X. H. Rivadulla Corcón (Vicepresidente da Fundación), Miguel Anxo Fernán Vello (Director de Edicións Espiral Maior) e Miro Villar (responsable da edición)

Na xornada entregarase tamén o I Premio de Poesía Gonzalo López Abente, a Daniel Salgado polo seu libro “Dos días sombrizos (Diario)”.  No remate da sesión Charo Vázquez estreará a peza “A pedra da Barca”, composta por ela mesma.

Comentarios