Tirou cen exemplares dunha obra que conta 6 poesías e 6 debuxos

'Fugida' o poemario de peto co que Ugia Pedreira percorre árbores xenealóxicas

A mediados do mes de xaneiro saía do prelo do libreiro asturiano Carlos Rodríguez da Caridá o poemario de peto, Fugida, da Pedreira.
Ugiapedreira2
photo_camera Ugia no concerto de A Pedreira, no Teatro Colón da Coruña. (Foto: Sabela Vázquez)

O libro Fugida son media ducia de poemas e outros tantos debuxos feitos, man con man, entre a música Ugia Pedreira e a súa filla, Lúa Auel Rougier, cunha primeira e até agora única tirada de 100 exemplares que ‘voaron’ en dúas semanas, propagada a súa existencia nas redes sociais. 

Fugida é unha autoedición que nace polo gusto de mercar pequenos libros de peto que “van no saco, no bolso, no peto...”, explica Ugia.

“Tiña aí uns poemas que seguían un fío condutor e que estaban dedicados un pouco á miña familia e aos nós que se fan na infancia”, e través do que a artista percorre “acontecementos e sentimentos do que é a árbore xenealóxica de cada un de nós e de como se vai conformando, que cousas nos quedan tatuadas na pel”.

Da incorporación das ilustracións, a cantante, conta que “unha das miñas discapacidades sempre foi o debuxo, sempre me gustou e teño unha forte admiración polo mundo plástico e, no confinamento, estivemos a ver como axudar a Lúa, a miña filla, a fortalecer os pulsos e aproveitei para atreverme eu a pintar”.

Así, estes deseños xuntan o exercicio de Lúa e a investigación da Pedreira sobre a simboloxía e os grafismos nas culturas indíxenas europeas. “Tentei traballar coa pequena de que maneira lle interesaba o trazo e como gozaba do ouvido do risco no papel", relata.

A elección da tirada e a posta á venda fíxose ao xeito dun mercado sustábel ou de pobo, "e tiven conversas moi interesantes que abriron outras portas".

E mentres, A Pedreira non para e presentarase en Asturias toda a banda, "con Marina (Oural), con Pierre (Rougier), con Xavier Bello e cos técnicos Alberto Casas e Xurxo Pinheiro".

Entrevista cantada e en liña a vindeira cuarta feira

Conta Ugia Pedreira que a familia ten “unha vía marítima aberta con Euskadi”, por mor das sesións do Método Fendelkrais nas que participan con Lúa, “e no medio disto, para dar vida, música e saúde, que para min é o mesmo, demos con Máximo e o seu alumnado e argallamos unha entrevista cantada, os alumnos e as alumnas preguntan e eu vou contestando e cantando, segundo a pregunta, xogando, que é o especial”. 

Un encontro co alumnado e Galego 2 da Facultade de Letras a Universidade do País Vasco, que decorrerá a vindeira cuarta feira, 10 de febreiro, ás 11 horas, e que se transmitirá tamén liña a través da propia universidade.

Comentarios