A fronteira, espazo de solidariedade

A Semana do Cine de Lugo proxecta 'A Memoria da Raia', un documental sobre a fronteira como refuxio para as persoas que fuxiron da guerra.
Fotograma do documental. (Foto: Cedida)
photo_camera Fotograma do documental. (Foto: Cedida)

A fronteira galego-portuguesa como refuxio para os fuxidos da guerra. Como vía de escape para a supervivencia económica nos anos da fame. Como encontro de tradicións culturais compartidas. E, sobre todo, como espazo de solidariedade humana. Este é o tema tratado por A Memoria da Raia, un dos documentais que veñen de ser proxectados na Semana do Cine de Lugo. Miriam González, Iris Justo e Andrea Pérez dirixen este filme, que puidera verse tamén no OUFF, en Ourense.

A Memoria da Raia forma parte dun proxecto máis amplo que inclúe unha exposición fotográfica e un fanzine. “Queriamos facer unha pequena peza para presentar no festival de curtas de Verín VIA XIV, xa que unha das súas categorías é A raia. Ao final esta peza converteuse nun documental. Decidimos facer estes tres formatos para mostrar a historia desde diferentes perspectivas audiovisuais. Por un lado, a exposición con fotografías e ilustracións dos protagonistas, contornas e paisaxes. Por outra banda, como no documental non metemos todo o entrevistado, decidimos recompilalo nun fanzine”, indican as directoras.

O documental céntrase, sobre todo, nos fuxidos e no estraperlo. “As temáticas foron escollidas grazas á xente que falou. Nós principalmente queriamos saber como vivían cando eran máis novos e este foi o contexto que lles tocou vivir. A posguerra e o contrabando formaron parte da vida da xente que entrevistamos, todos entre 70 e 95 anos”, explican. As persoas entrevistadas son veciños e veciñas dos dous lados da Raia, ademais da antropóloga Paula Godinho e o historiador Fernando Dasairas. 

A peza apóiase tamén en abondosa documentación fotográfica, ademais de incluír unha pequena dramatización. As imaxes proceden “de fondos documentais, arquivos e fotografías da xente que entrevistamos. Na Raia houbo grandes autores como Antonio Fernández Pérez, un escritor exiliado que recibiu numerosos premios polas súas obras. Pensamos que era interesante falar sobre el”, apuntan as directoras.

O obxectivo de A Memoria da Raia é “facer un retrato o máis aproximado posíbel da realidade que se viviu na Raia, na que había un grande compañeirismo e solidariedade, pero tamén episodios escuros. Un exemplo disto foi o tráfico de persoas e as delacións entre contrabandistas. A pesar de que primou o sentimento veciñal de unión, sobre todo na cuestión dos refuxiados, tamén houbo acontecementos menos amábeis”, matizan. 

Identidade

A reflexión sobre a identidade actúa como “motivo do documental. A fronteira, naqueles momentos, significaba a diferenza entre vivir ou morrer, entre poder saír adiante economicamente ou sufrir máis necesidades. Como consecuencia desta influencia xerouse unha maneira propia de comprender o mundo cunhas visións comúns, polo que a cuestión da “nacionalización” se tornou moito máis difícil tanto para Madrid como para Lisboa. A distancia coas capitais fronte á proximidade dos veciños que tiñan distinto pasaporte converteron a zona nunha especie de rexión na que había uns trazos propios que a diferencian do resto”, conclúen. 

A Memoria da Raia foi “o noso primeiro proxecto profesional de envergadura. Cando nos acercamos máis ao tema fomos descubrindo a súa profundidade. Naquel momento tratámolo da mellor maneira que puidemos. Grazas a este traballo fomos descubrindo parte da nosa historia e iso é fundamental para calquera xeración”, reflexionan.
 

Comentarios