Raposa presenta a súa primeira obra, publicada por Demo Editorial

'Friaxe', unha relectura en imaxes dos famosos 'Os himnos á noite', de Novalis

Antonio Reboredo (Raposa) é o autor de 'Friaxe', un libro a medio camiño entre a banda deseñada e o libro ilustrado que elabora unha lectura persoal e desde o presente de 'Os himnos á noite', un dos clásicos do romanticismo alemán máis temperán, asinado polo escritor e filósofo Novalis, que viu a luz en 1800.
A poeta Yolanda Castaño e Antonio Reboredo, que asina como 'Raposa'. (Foto: Raposa)
photo_camera A poeta Yolanda Castaño e Antonio Reboredo, que asina como 'Raposa'. (Foto: Raposa)

Friaxe é o primeiro traballo que publica Raposa, sinatura tras a que se atopa Antonio Reboredo. O ilustrador presenta con Demo Editorial esta obra a medio camiño entre a banda deseñada e o libro ilustrado, que se ergue sobre Os himnos á noite, de Novalis, traducidos por Yolanda Castaño

Trátase dunha obra que apareceu en 1800, se ben a súa elaboración sería nos anos previos, e se convertería nun clásico. Friedrich von Hardenberg, máis coñecido como Novalis, foi un escritor e filósofo alemán, representante do Romanticismo temperán. As súas verbas nestes "himnos" espremen o denominado "idealismo máxico" do romántico, permitíndolle a unión mística con Sophia, a súa amada, falecida aos 15 anos. Desde unha inicial veneración da luz pasa a unha comprensión da superioridade da Noite, asociada ao descoñecido e  misterioso, pero tamén ao máis auténtico.

"Inaugura un culto á noite que non existía en Europa até o momento”, explica Reboredo. Apareceron varias versións deste rexistro, parte en prosa, parte en verso, case como cartas, polo que unha aura de misterio rodea a propia publicación. 

A Reboredo chamáballe a atención empregar unha fonte "tan escura e que ten tanto tempo". O libro xa fora traducido ao galego hai por volta de 15 anos por Espiral Maior, mais esta nova achega constitúe unha relectura desde a actualidade, na que as ilustracións de Raposa dialogan co texto orixinal. Vólvese así case unha sorte de material "bilingüe" na que palabra e imaxe alternan como "dous raís" que "non buscan competir". Os debuxos, así, "falan e teñen elocuencia por si mesmos", asegura Raposa, que nesa independencia considera máis oportuno entendelo como un "acompañamento" do orixinal, pero sen tratar de traducir literalmente o que expresan as palabras.

Ciencia ficción 

Para facer esta adaptación Raposa acudiu á ciencia ficción, o que mellor encaixaba para traer ao presente o discurso de Novalis. Desde a súa ollada xorden referencias de xénero, as crises de guerra ou mesmo o colonialismo. E é que debuxa coa idea de que se Novalis vivise na actualidade falaría tamén doutras cousas. Sen querer reinterpretalo nese senso, aí é onde traballan precisamente as imaxes, no nivel da relectura.

Estilisticamente, o traballo de Raposa bebe do cómic clásico de ciencia ficción, con debuxos cun toque kitsch, con moito ornamento, algo que a Reboredo lle parece máis interesante de cara a debuxar el mesmo e tamén para esas persoas lectoras "que pasan máis tempo do que deben nunha páxina". Aliás, nalgúns casos copia fotografías. Raposa sinala que cando se basea nestas lle gusta a ambigüidade de que se note a referencia, pero que non sexa unha imitación fiel, senón que incorpore algo máis. 

O 'doom' como o romanticismo de hoxe

Reboredo é arquitecto, e forma tamén parte da banda Cruzeiro, que axiña sacará á luz un novo álbum. No grupo el tamén se ocupa da parte gráfica. De feito, o traballo do álbum ten para el algunhas analoxías co de Friaxe. "O doom é o romanticismo de agora”, comenta, conectando a escuridade desta rama do metal que, con todo, é para el máis "popular" e non tan fechada como outras, cunha mestura de barroco, morte ou ciencia ficción soviética que encaixan co universo de Novalis. 

Comentarios