Freixanes di que o Día das Letras non se dedica a Carvalho Calero por escoitar “ao conxunto da sociedade”

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, sostén que a institución non podía escoitar só "a un sector da sociedade" e que xa pouco máis ten que dicir do ferrolán, ao que se lle deu máis "atención" que aos protagonistas doutros anos. Así mesmo falou da postura reintegracionista no idioma como a defensa de que "a lingua galega é un dialecto do portugués".
Víctor Freixanes, no centro xunto a Feixoo, no acto central do Día das Letras en Compostela. (Foto: RAG)
photo_camera Víctor Freixanes, no centro xunto a Feixoo, no acto central do Día das Letras en Compostela. (Foto: RAG)

A Real Academia Galega (RAG) estudou ampliar o Día das Letras dedicado ao autor ferrolán Ricardo Carvalho Calero pero finalmente decidiu que "estaba ben mirar cara a adiante" e non deixarse "derrotar pola propia situación" da Covid-19, que desluciu e recortou o número de actividades de homenaxe ao escritor e mesmo creou certas polémicas. A pesar da defensa da decisión que fixo este sábado o presidente da RAG, Víctor Freixanes, nunha entrevista concedida a Radio Nacional moitas entidades xa viñeron anunciando nas últimas semanas que seguirán a lembrar a Carvalho Calero.

Se ben é certo que ninguén se opón a que a poeta Xela Arias teña o seu protagonismo e un Día das Letras na súa honra, o que agardaban moitos colectivos é que se adiara calquera mudanza no homenaxeado para que este ano puidesen decorrer máis accións reivindicando a figura do ferrolán. Neste sentido, Freixanes asegurou que esa medida de ampliar a dous anos a dedicatoria estivo sobre a mesa.

"A RAG non está cega e tamén escoita", dixo, mais puntualizou: "Pero escoita ao conxunto da sociedade, non a un sector da sociedade". Aliás, ao seu parecer, "ningunha figura recibiu tanta atención como este ano Ricardo Carvalho Calero" porque se fixeron estudos, publicacións e outras iniciativas.

"Non sei que máis podíamos dicir del desde a Academia", defendeu, se ben afirmou que "non enterra a unha persoa, senón que pon enriba da mesa o canon de figuras que constrúen entre todas capas sucesivas". Polo tanto, a escritora Xela Arias será a homenaxeada nun ano no que tamén haberá que "botarlle traballo, imaxinación, entusiasmo e mesmo compresión".

Dúas visións en Meirás

Na súa intervención radiofónica, Freixanes tamén opinou sobre o destino que se lle debe dar ao recentemente recuperado pazo de Meirás. A institución que preside é partidaria de que se compatibilice a mirada á historia apegada a Emilia Pardo Bazán coa parte da memoria histórica.

"Creo que as Torres de Meirás deben ser, por unha banda, a memoria de Emilia Pardo Bazán, porque foi a súa familia quen as construíu e, ao mesmo tempo, non podemos mirar cara a outro lado, porque aí hai un capítulo da historia da Galicia contemporánea que foi a ditadura", explicou na entrevista recollida por Europa Press.

Reintegracionismo

Respecto do debate sobre o modelo lusista do galego, do que precisamente Carvalho Calero era máximo ideólogo, Freixanes vinculou a postura reintegracionista á teoría de que "a lingua galega é un dialecto do portugués" .

"O tema do debate ortográfico está aí, encima da mesa. Segue vivo e debe seguir vivo, porque o que hoxe é, mañá pode sufrir transformacións", engadiu. Mais "a lingua galega é a lingua galega, non é un dialecto de ninguén. Nin do portugués, nin do castelán, nin do inglés".

Comentarios