Freixanes será presidente sen consenso

Este ano non haberá a tensión dramática da elección anterior, cando Alonso Montero gañou sobre Manuel González por só un voto, pero as augas da RAG aínda non baixan tranquilas. 

castro-freixanes
photo_camera Víctor Freixanes e Francisco Castro, no momento do anuncio da sucesión en Galaxia [Foto: Galaxia]

Finalmente non haberá candidatura alternativa á de Víctor Fernández Freixanes. Logo dunha xuntanza na tardiña da pasada sexta feira, a oposición na Academia -da que o seu membro máis visible é o anterior secretario no mandato de Méndez Ferrín, Xosé Luís Axeitos- decidiu que non presentaría candidatura. 

Sen embargo, non hai que descartar movementos de desacordo tanto no pleno como de forma posterior, pois a paz aínda non está asinada. Boa mostra diso son as declaracións de Axeitos na prensa ao respecto das últimas semanas, a pesar de que houbo xestións para conseguir unha candidatura de consenso, pero non foi posible chegar a un acordo. 

Así que Víctor Freixanes, logo da súa retirada como director da editorial Galaxia, será elixido novo presidente da institución máis antiga do galeguismo mañá terza feira nun pleno extraordinario que comezará ás 18.30 horas. A súa candidatura foi rexistrada o pasado 24 de marzo a proposta dos académicos Xesús Alonso Montero, Margarita Ledo Andión e Antón Santamarina Fernández, segundo informou a propia RAG. 

O pontevedrés substituirá o catedrático Alonso Montero, de 89 anos, que rematou o pasado 17 de marzo a súa etapa como presidente logo de catro anos non exentos de polémica, sobre todo ao comezo. Lembramos que Alonso fora elixido só cun voto máis por riba do outro aspirante, Manuel González, nunhas apretadas eleccións despois da polémica demisión do anterior presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, o 25 de febreiro de 2013. 

A partir de agora dous vellos amigos da mesma quinta gobernarán as dúas principais institucións culturais do país: Ramón Villares (Xermade, 1951) o Consello da Cultura e Víctor F. Freixanes (Pontevedra, 1951) a Academia Galega.