Freixanes encabeza a única candidatura a presidir a RAG

Todo indica que o sector ferrinista non é quen de artellar unha proposta alternativa.

castro-freixanes
photo_camera Víctor Freixanes, con Francisco Castro, a persoa que o relevou na cúpula de Galaxia

O escritor e profesor de xornalismo será presidente da Real Academia Galega se obtén os votos suficientes no pleno da vindeira terza feira.

A candidatura de Freixanes foi avalada por Alonso Montero -actual presidente-, Antón Santamarina e Margarita Ledo.

O prazo hábil de apresentación de candidaturas -48 horas antes da realización do pleno- concluíu esta sexta feira sen que se formalizase ningunha candidatura. Isto ten todo o aspecto de que obedece a que o sector ferrinista non foi quen de artellar un nome de consenso alternativo nas súas propias filas.

En todo caso, a formalidade dos prazos apunta a que con efeito só haberá un candidato -Víctor Freixanes-, embora algunhas fontes indican a Sermos que será a segunda feira cando a RAG comunique formalmente se hai ou non outra candidatura.

Freixanes sabe que existe un núcleo de académicos moi críticos coa xestión de Alonso Montero na que el tomou parte, tal e como mostraron as recentes declaracións de Xosé Lois Axeitos, secretario da RAG durante a etapa de Méndez Ferrín.

Moi contundente, Axeitos afirmaba nesas declaracións que no actual proceso de escolla dunha persoa para a presidencia da Academia darían a cara aquelas e aqueles que puxeron ao fronte da institución "un home de palla".

Para saír eleito presidente, Freixanes debe obter a maioría absoluta dos votos do plenario -15-. De non o conseguir na primeira votación, bastaríalle con obter a maioría simples.

Comentarios