Freixanes é elixido presidente dunha RAG dividida

Víctor Freixanes foi elixido na tarde da cuarta feira novo presidente da RAG con 18 votos a favor dos 19 académicos que participaron no pleno extraordinario. Outros nove non asistiron, dos cales tres escusaron a súa ausencia Foron, polo tanto, seis os académicos que amosaron publicamente a súa discrepancia. 

2017_03_28_Pleno extraordinario
photo_camera Os 19 membros que asisitiron ao plenario da RAG [Foto: RAG]

Seis foron os académicos críticos que non asistiron ao pleno extraordinario como xa avanzara na súa carta Manuel González, por entenderen que a candidatura de Freixanes afonda na "división" no seo da RAG. Sobre esta protesta o xa novo presidente fixo un chamamento para que estes académicos se "sumen ao esforzo" de facer que a Academia mire "ao futuro". Ademais de González, non asistiron os escritores Manuel Rivas e Darío Xohán Cabana, ademais de Xosé Luís Axeitos e Francisco Fernández Rei, que formaran parte da executiva de Méndez Ferrín; Euloxio Ruibal e Xosé Luís Regueira. Tampouco o fixeron Xohana Torres ou Bernardino Graña, que habitualmente non asisten por problemas de saúde.

O equipo que o acompañará na xestión será continuista: o secretario seguirá a ser Henrique Monteagudo; e tamén Andrés Torres Queiruga como vicesecretario. As novidades serán Marilar Aleixandre como tesoureira en lugar de Rosario Álvarez; e Fina Casalderrey como responsable de biblioteca e arquivo en lugar de Margarita Ledo. 

Ademais de González, non asistiron os escritores Manuel Rivas e Darío Xohán Cabana, ademais de Xosé Luís Axeitos e Francisco Fernández Rei, que formaran parte da executiva de Méndez Ferrín, e Euloxio R. Ruibal.

A executiva entrante márcase, segundo o comunicado da RAG, dúas grandes liñas de traballo, unha de carácter interno e outra centrada na proxección social da Academia. Canto á primeira, Víctor F. Freixanes defendeu a necesidade de manter un “clima de transparencia interna” para superar unha “etapa delicada”. Nesta liña, comprometeuse a “facer todo o esforzo posible para avanzar no camiño do encontro, na construción dese clima necesario para podermos compartir os proxectos de futuro, considerando a lexítima discrepancia unha riqueza”.

No tocante á proxección cara á sociedade, salientou Freixanes no seu discurso que a RAG debe atender, de acordo cos seus propios estatutos, dúas dimensións principais: a do estudo da lingua, mantendo o “servizo á cidadanía” fornecéndoa de recursos, determinacións e traballos a prol do coñecemento e uso normalizado do idioma; e a dimensión da dinamización social, “levando a causa do idioma galego, a súa práctica e a súa estima a todos os estamentos sociais e a todos os ámbitos xeracionais”. 

Freixanes defendeu a necesidade de manter un “clima de transparencia interna” para superar unha “etapa delicada"

Neste sentido, subliñou a importancia de buscar “novas estratexias de comunicación para a lingua galega que enriquezan e fortalezan o que xa se veu facendo nos últimos anos” desde a Academia, con proxectos como o Portal das Palabras ou a Primavera das Letras, que acheguen “visibilidade social para a causa da lingua galega”.

A atención ao galego exterior, o reforzamento das relacións con outras academias e institucións semellantes, os intercambios coas comunidades irmás de lingua portuguesa e a colaboración decidida entre as institucións que hoxe traballan pola lingua e a cultura, “para harmonizar esforzos e sacar o máximo rendemento dos recursos dispoñibles”,  foron outros dos temas que abordou Víctor F. Freixanes na súa intervención no Pleno. “Debemos procurar vías de diálogo construtivo con todas as forzas políticas parlamentarias, e mais cos representantes do Goberno, a prol de conseguir espazos de colaboración e consenso tamén nestes ámbitos”, engadiu o novo presidente, quen tampouco esqueceu que “cómpre aspirar a unha estabilidade orzamentaria que non temos e que nos condiciona seriamente”, procurando asemade “novos caladoiros económicos de adhesión”.

Falta de consenso

Finalmente foron seis os académicos díscolos. O sector crítico non presentou candidatura e tampouco foi posible desta volta unha proposta integradora entre ambas as dúas partes. Segundo a carta que lle dirixiu Manuel González aos membros do plenario, "nós propuxemos unha candidatura única", afirma, que "foi, primeiro, retardada e, despois, rexeitada". 

Mentres, Xosé Luís Axeitos, que fora secretario da RAG no mandato de Méndez Ferrín e un dos que non asistiron, arremete con dureza contra os actuais xestores ao explicar por que non houbo candidatura de consenso: "Non queren, non queren compartir o poder. Son xente profesional da ocupación das institucións". 

Axeitos explica por que non houbo candidatura de consenso: "Non queren, non queren compartir o poder. Son xente profesional da ocupación das institucións"

Diante da pregunta de por que non montaron unha candidatura alternativa, o académico de Rianxo mantén: "eu loitei para que a houbera, pero houbo xente que non o considerou oportuno porque había que apostar pola concordia, pero non foi posible". 

Sobre o novo mandato presidido por Freixanes, Axeitos agarda "máis do mesmo. É un grupo que está a converter a Academia nunha asociación cultural, organizando presentacións de libros e concertos e desatendendo as obrigas institucionais, como defender a lingua na sociedade. Teñen pouca 'autorictas' para presidir unha institución coma esta". 

"Freixanes puxo a Alonso e Alonso agora defende a Freixanes", explica o ex secretario da Academia. "Confían en que a xente esqueza todo. Non teñen outro programa que non sexa estar aí. Eles deciden o que debe de ser a cultura galega. É unha gran familia". 

Comentarios